
O noso
entrevistado Carlos Vázquez Ares, con 6 anos de idade o día da sua
primeira comunión
¿Coidas que o Curtis da túa infancia era
o sitio ideal para vivir un neno, ou no fondo sentes non haber nacido en
New York?
Non sei se era o sitio ideal, agora ben,
Curtis cando eu era neno era un sitio tranquilo, con só cruzar as vías
estabas nun medio totalmente rural, no campo había moitas posibilidades
para o xogo, e mesmo nas vías, onde poñiamos patacóns para que o tren os
esmagase, pensando que para un monstro como era para nós unha locomotora
unha moeda non era nada, mais adiante entereime que a máquina pasa por
riba del e fai un golpe que mesmo asusta ao maquinista ¡Quen o ía dicir!,
tamén cazábamos as crías das ras nas veiras das vías. Lembro as tardes de
fútbol no atrio da igrexa, a vella igrexa, xogar ao escondite no
cemiterio e ás canecas e os “ferrochos” tamén alí. Daquela non había a
Play station nin nada parecido, e os nenos empregábamos máis a
intelixencia, usábamos máis a cabeza argallando travesuras, facíamos
cabanas no monte e moitas cousas mais. Os invernos eran máis duros e había
unha “semana branca” case que tódolos anos pois coa neve non funcionaba o
transporte escolar, daquela íamos con sacos do abono aos campos e
usabámolos como trineos improvisados. Tamén xogábamos ao fútbol na estrada
principal do pobo, cando pasaba un coche cada hora, hoxe sería impensable.
Eu nacín no muíño de meu avó no
concello de Boimorto, aínda moitos dos meus veciños chámanme cariñosamente
“Corredoiras” e non “Barbeiro”, e nacín alí como puidera nacer en Nova
Iorque, non me avergoño de ser dunha pequena aldea, mesmo os que nacemos
no muíño do avó considerámonos diferentes ao resto da familia, como
vencellados por unha pegada especial que da o lugar, o ruído da auga, o
olor a fariña e mesmo a figura de meu avó que significou e significa moito
para min. Estou ledo tamén de ter vido a Curtis, a terra de meu pai, e
síntome curtiense coma o que máis. Hoxe que vivo na Coruña, esta cidade
fáiseme grande, Nova Iorque non che digo nada. A divina providencia
dispuxo que a miña vida fose así e a verdade é que sempre fun moi ledo en
Curtis, coido que non o cambiaría por nada.

Vista do muiño do
Campo da Lanza no Concello de Boimorto, onde tivo lugar o nacemento de
Carlos Vázquez Ares
¿De tódolos cambios que experimentou
Curtis dende aquela época en cales fomos a mellor e en cales a peor?
Os cambios son necesarios, hai que vivir cos
tempos, penso que Curtis evolucionou pouco, que debería cambiar máis e
para mellor en moitos aspectos. Por poñer un exemplo Curtis foi sempre un
pobo feo, unha estrada larga e casas aos lados, neste senso pouco cambiou,
quixera facer unha crítica constructiva, nunca mellor dito, a Curtis
faille falla un planeamento urbano con sentido e non unhas construccións
anárquicas onde a especulación campa, está ben que especulen nunha cidade
porque hai falla de solo, en Curtis sobra o solo e tamén sobra a xente que
pide cantidades astronómicas por él. Curtis poría ter barrios residenciais
onde vivira xente que traballase na Coruña, e para iso faría falla unha
mellor calidade de vida, casas unifamiliares como as da rúa da igrexa,
pero con un deseño similar, non como as de agora cada unha de seu pai e de
súa nai que non conservan nin siquiera unha liña coa beirarrúa.
Falando de beirarrúas, hoxe polo menos xa hai
árbores nelas que humanizan o pobo, tamén mellorou o feito de que cando eu
era novo, tiven que ir a Santiago a estudiar, hoxe hai un instituto, temos
un pavillón polideportivo, unha piscina nova pero hai moito por facer.
¿Cómo ves o futuro en tódolos seus aspectos? ¿Ti
crees que Curtis ten futuro?
Curtis ten o futuro que queiran os
seus habitantes, entre os de aquí e os que estamos aló de onde queira que
sexa. Os que de verdade queremos un Curtis mellor, porque o levamos no
corazón, somos os que temos que levantalo, cada quen no eido que poida, os
que teñen os cartos investindo en Curtis, e os que non o temos
participando para que se coñeza o noso pobo e traendo aínda que sexa un
peso, ou agora un euro, para gastar o fin de semana, nas vacacións...
Lembro que Curtis era o centro da movida do sábado nos arredores, pero...
o que teñen os demais sempre é máis apetecible, por iso os propios mozos
de Curtis comezaron a irse a Ordes, Melide etc, e agora os que están
montados no dólar son outros, e en Curtis a velas vir, os que están
investindo son os de estes pobos e non os de Curtis, así estes pobos
medraron máis que o noso, dende posición semellantes, e agora son cabezas
comarcais, e en Curtis ¿Qué?
¿Qué lembranzas gardas da túa época de
estudiante en Santiago e que diferencias existirían cos tempos actuais? ¿Xa
había festa rachada os xoves? ¿O botellón é un invento de estes últimos
anos?
A verdade é que os de Santiago foron bos
tempos, e eu tiven a sorte de vivilos dende moi novo, a “sesión do
chupete” na que íamos ligar coas rapazas da Ensinanza en Liberty, despois
a época dos primeiros pubs do ensanche como “A ofisina” e a “Competensia”
entre outros, logo foi o boom coa “Catedral”, “a Bolera”, o “Duplex” para
pasar a outro tipo de ambiente xa máis tarde, ou mellor dito cando íamos
máis vellos, nos pubs da cidade vella como “O Paraíso Perdido” “O Galo
D’ouro” “O Fuco” e tantos outros.
Nos comezamos os xoves, cando xa non se podía entrar
en ningures pola cantidade de xente que había, pasamos ao mércores, e coma
nós moita xente, ata que chegado un momento tamén os mércores había
demasiada xente, menos os luns, tódolos días había festa rachada.
O do botellón non é novo, pero a diferencia cos
mozos de agora que o fan nas rúas, en Santiago o que máis e o que menos
tiña un piso de estudiante ou un amiguete que o tiña, as festas estaban a
orde do día, daquela había infraestructura, que é o que lles falta agora
aos mozos, e a similitude é que daquela o mesmo que hoxe, o presuposto non
daba para máis, de tódolos xeitos os cartos estirábanse máis, non había
euros e as copas estaban máis baratas.
¿Dende cando empezas a senti-la necesidade
de facer pescudas sobre a nosa historia?
Na facultade de Xeografía e historia hai unha
biblioteca moi boa, e sempre que podía buscaba libros nos que se puidera
falar de Curtis, tamén cando mandaban un traballo cando fixen a
especialidade en Xeografía procuraba facelo sobre Curtis, esto fixo que
chegaran a min moitas referencias sobre todo xeográficas sobre o concello
e o pobo máis concretamente. Tratábase non de poñer nada por escrito,
senón de saber máis sobre o lugar de onde un vive, máis adiante sentes a
necesidade de compartir o que sabes e é aí cando se poñen por escrito os
artigos.
¿Qué se sinte cando ves algo feito por ti
en letra impresa?
Supoño que como cando unha muller
ten un fillo, é parte de ti e si o que fas ten unha utilidade para os
demais sénteste ledo cando o transmites, e si esto serve para que outros
aprecien máis a Curtis, se serve para engrandecelo, mellor que mellor.
¿Lembras o primeiro artigo que
publicaches?
Foron tres artigos os publicados no ano 89,
paréceme que un era sobre o Curtis dos anos 20, o máis longo e os outros
eran unha miscelánea na que aparecían diversas informacións sobre a
historia e a xeografía do pobo.
¿De ónde crees que procede o nome de Curtis?
A raíz da publicación en “La Voz de Galicia”
dun artigo precisamente sobre isto, na que se afirmaba que a orixe do nome
proviña dun lugar pechado ou “coortes”, que ao parecer era un lugar onde
se gardaba o gando, asinado creo lembrar por un tal F. Cabeza, púxenme a
buscar información, atar cabos e buscar unha teoría que fose máis certa, e
coido que din con ela. Moitos sabedes que no lugar de Ciadella hai un
campamento romano que coidaba da vía Augusta que por alí pasaba, neste
campamento había unha cohortes romana, a décima parte dunha lexión, eu
penso que é de aí de onde ven o nome, pois a parroquia onde está situada
tamén é Curtis, e limita con Santa Eulalia de Curtis, que tamén da o nome
ao noso pobo.
¿Cal é o tema da historia de Curtis que máis che
apaixona?
Do 1890 ao 1920 é a época do
crecemento de Curtis, da xénese, os camiños de ferro fan que Curtis medre
e parte da historia de este momento está escrita por meu avó, é o momento
en que chega ao pobo. A posguerra española tamén é apaixonante, sobre todo
pola presencia de Foucellas. Aínda que non me preguntades, direivos que a
que máis me desagrada, a peor época da historia de Curtis é a que vai
dende a morte de Franco ata hai ben pouco, son vinte anos que vivín en
primeira persoa e que se caracterizan por un goberno municipal nefasto
para os intereses do noso pobo e para o concello en xeral. Nestes case que
vinte anos o progreso natural viuse bloqueado, anulado. Afortunadamente os
anos escuros xa teñen pasado.
¿E a personaxe?
Hai moitas persoas que puidera salientar,
pero por motivos obvios meu avó “O Barbeiro” é un deles, Foucellas tamén é
moi interesante, e outros que irán saíndo na páxina web moi pronto.

Manuel Vázquez "O Barbeiro", avó paterno de
Carlos Vázquez Ares, e personaxe popular e entrañable da historia de Curtis
¿A que tema da historia de Curtis
dedicaches máis tempo?
Á xénese do pobo, foi máis difícil de atopar
información, pois pouco había escrito, sobre os anos posteriores,
gracias a Deus había xente viva que podía falar un pouco dela, xa non
era o mesmo.
|
¿Y en este momento en que temas andas
metido?
Se vos referides a traballos sobre Curtis,
teño recompiladas as estatísticas de poboación dos lugares do concello
dende 1890 ata hoxe que algún día colgarei na rede, teño en mente dúas
ou tres biografías máis, e gracias a un compañeiro e amigo, un gaiteiro
como a copa dun piñeiro, pretendo colgar na páxina en mp3 as dúas
composicións que fixo o mestre Casal sobre Curtis, xa cos arranxos
feitos, para que todos os de Curtis que o queiran poidan “descargarse”
as cancións, mesmo para os móbiles. Si é a nivel persoal, estou a
desenrolar seguramente o proxecto principal da miña vida, algo polo que
me vou sentir realizado e orgulloso probablemente toda a vida.
¿Pensas que Curtis precisa un Cronista
Oficial?
Curtis XA TEN Cronista Oficial, ao
meu modo de ver, non é outro que Andrés Mariño, que por certo tamén ten
unha entrevista en
www.xuvecurtis.com, hai que darlle ao Cesar o que é do Cesar e a
Deus o que é de Deus.
¿Qué opinas da vida cultural en Curtis?
Polo de agora, e non quero parecer
adulador, a vida cultural de Curtis pasa pola vosa casa, todo o que se
fai converxe alí, tódalas actividades fanse na Casa da Xuventude, e
facedes o que podedes. A vida cultural en Curtis debería estar dirixida
e apoiada polo Concello, este sería o mediador coa Deputación e a Xunta
para traer máis cousas ao pobo, pero parece que esto non da votos, da
máis votos asfaltar currais dos veciños e poñer puntos de luz nas
aldeas.
¿Cómo se podería mellorar?
Como todo, con ideas, gañas e diñeiro, e
sobre todo unha persoa que soubese moverse polos círculos políticos,
económicos e culturais axeitados, unha persoa con preparación e amor por
Curtis, así a Curtis chegarían obras de teatro, exposicións, ciclos de
cine minoritario do estilo dos que se están a proxectar preto da miña
casa, no parque Europa da Coruña, traer contacontos para os máis
pequenos unha vez ao mes polo menos, títeres etc etc.
O concello, xa que falamos del podería
poñer en marcha un taller ocupacional de cantería que conxugase o
artístico co profesional, penso nun certame de pintura que xa propuxen
hai anos en memoria da Pintora, tantas e tantas cousas que se me ocorren...
¿Coidas que neste momento en Curtis estanse a
formar personaxes da talla de S. Pedro de Mezonzo, Antón de Pepiño ou
María Antonia Dans, por citar algúns dos que se poidan enorgullecer as
próximas xeracións?
Esta é unha pregunta para mollarse... Lupe
Gómez despunta como poeta e escritora, agardemos que despegue, e da miña
xeración pouco máis hai, as novas xeracións escápanseme un pouco...
agardemos que alguén saia, e pronto.
¿Por qué motivo fuches tan pioneiro en
incorporarte a Internet? ¿Cómo se che ocorreu antes que a ninguén facer
unha páxina Web sobre Curtis?
A min sempre me gustou a
informática, cando deixei o meu anterior traballo estiven no paro uns
meses, así xa tiña o tempo que era o que me faltaba, pois o material o
fora publicando na revista das festas dende facía anos, amplieino,
melloreino, e o tema de facelo nunha páxina web foi porque así era un
traballo que podía compartir cos demais, estivesen onde estivesen, a
pena é que hoxe xa non dispoña dese tempo para mellorar a páxina como
quixera e facer tódolos proxectos que teño en mente, dos cales xa vos
avancei algo.

Portada da
páxina persoal de Carlos Vázquez Ares que baixo o título "Curtis, o teu
pobo, a túa páxina", ven funcionando en Internet dende o ano 2001.
¿Cómo foi esa experiencia. Segues
confiando nas enormes posibilidades de Internet?
Por suposto, e a proba a tedes
na vosa páxina que medra como a espuma, tanto en visitantes como en
contidos, colaboracións... A rede é un mundo paralelo onde cabemos
todos, ten unhas posibilidades infinitas e hai que aproveitalas. A
experiencia foi positiva e o segue sendo, por outra banda se non o
fixera non aparecería nas vosas páxinas, e esta entrevista non tería
lugar.
Dende hai uns anos dedícaste á docencia.
¿Resulta tan estresante como din?
Eu imparto clases de Relixión Católica e Cultura
Relixiosa, dúas materias deostadas, para comezar polos políticos, e para
rematar por algúns nenos que pensan que non serve para nada, con estes
antecedentes xa te podes imaxinar, se a esto engades que imparto clases
nun barrio dunha cidade onde hai moitas familias desestructuradas,
nunhas ambientes de escasos medios económicos incluso, mestura explosiva
que leva a moitos cara ao fracaso escolar, xa te podes imaxinar... Agora
ben, despois de traballar dez anos nunha entidade de crédito... a
ensinanza é un balneario.
¿Consideras que a relixión debe ser
unha asignatura con presencia na escola?
A relixión forma parte da cultura
dos pobos, os máis primitivos teñen a presencia da relixión como un
factor moi importante na sociedade, e en tódolos ámbitos da vida está
presente, canto máis evolucionada está a sociedade máis se aparta dela,
sen embargo as preguntas que todos nós nos facemos sobre o
transcendente, o máis alá e tanta e tantas cuestións importantes, só
teñen resposta na relixión. Se a esto engades que é un dereito
fundamental dos pais o que os seus fillos reciban clases de relixión,
que a cultura occidental está cimentada nunhas bases cristiás, e tantos
e tantos... fan da relixión algo moi necesario. Lamentablemente unha
relixión mal entendida provoca feitos tan absolutamente desprezables
como os atentados de Madrid, e o peor de todo é que moitos consideran
que é a relixión a culpable sen ter en conta outros conflictos que non
acontecerían se precisamente imperasen uns valores que a relixión nos
da. Xesús, o mesmo que Mahomet, falou do amor aos demais, non de
matanzas brutais, esto pasa precisamente por descoñecemento da relixión
auténtica, a que queren sacar da escola. Na relixión non se fai
catequese, a fe suponse, aínda que levas sorpresas, impartes
coñecementos e valores humanos que a ninguén lle sobran.

Carlos Vázquez,
con 10 anos de idade.
¿Cómo ves aos mozos de hoxe?
Hai de todo, xente sa e comprometida cuns
ideais, unha forma de vida etc. e outros que están a votar a perder a
súa vida coas drogas, e neste saco meto dende o alcohol, o tabaco, os
porros etc. etc.. Coido que os da miña xeración vivimos un pouco atados
polos nosos pais e sobre todo con bastantes estreiteces económicas,
agora que somos pais queremos darlle aos nosos fillos o que nós non
tivemos, por iso malcriámolos, queremos ser amigos en vez de pais, cando
nos decatamos que esto non é posible, que ante todo somos pais, xa é
demasiado tarde.
¿Quédache tempo para desenrolar outras
afeccións, ou pola contra cousas como o maquetismo ou a fotografía son
auga pasada?
O maquetismo está esquecido, quixen
traballar con madeira e deixar o plástico e pegueime unha fociñada, o
barco que escomencei fíxoseme moi costa arriba, a fotografía si que
continúo coa afección, sempre que podemos, pois pegueille o gusto pola
fotografía á miña muller, collemos o coche e as cámaras e a facer fotos,
non tanto como quixéramos, pero ben.

Carlos Vázquez
na súa última viaxe á Rusia Oriental
Outra cousa que sabemos é que che gusta
moito é viaxar. ¿Estiveches en algún lugar do mundo no que non te
atoparas con algún paisano?
Dos once países de Europa, dous
de América e tres de Asia onde estiven, e a pesar do que di a canción
que hai un galego na lúa, coido que sí que a sitios tan pequechos como
Lietchestein, tan grandes coma Rusia que cruzamos de punta a punta,
calorosos coma o deserto de Xordania, onde estivemos a preto de
cincuenta graos, e a máis recente viaxe a Siberia onde estábamos a case
que trinta graos baixo cero ás dez da mañá, coido que pouca xente
estivo.
Finalmente, ¿Qué opinas de xuvecurtis.com?
É unha iniciativa sobresaínte, e proba
desto é a acollida que tivo na xente moza de Curtis, ten un contido
variado e calquera pode participar en xuvecurtis.com, está aberto a
todos como o está a Casa, esto é moi salientable. A páxina debe seguir
como ata o de agora, feita por e para os rapaces e rapazas de Curtis,
porque así sempre terá uns contidos interesantes para eles, precisamente
por facela eles mesmos.
Para rematar quero agradecervos que pensarades en
min para esta entrevista, tédesme á vosa disposición para unha
colaboración entre as dúas páxinas, todo o que dar vida a Curtis ten o
meu apoio incondicional. Gracias.
Nin que dicir ten que moitas gracias a ti,
Carlos.
|