Avelino Fraga Rodríguez

Avelino e Concepción, son dous veciños de Sobrado dos Monxes, xa entrados en anos, nos que poderíamos identificar a moitos dos nosos avós.

ANTES E AGORA

A VIDA CO PASO DOS ANOS

Concepción Vallo López

Por: Sandra Mahía Corral
y Eva Cabo Villar

 

  Hoxe, entrevistaremos a xente maior. Entre os entrevistados seleccionamos a Concepción Vallo López, nacida en Sobrado en 1928 e Avelino Fraga Rodríguez, nacido tamén en Sobrado en 1939.

Cónteme, ¿como era un día normal na súa vida?

Concepción: A vida de antes era moi difícil. Traballabamos na terra, segando e mallando. As mulleres tamén faciamos o traballo da casa; tiñamos que deixalo feito antes de ir ao monte. Tamén calcetabamos, cosiamos e remendabamos as medias, que eran de la, porque non había cartos para comprar outras.

Avelino: O primeiro que facía era botarlles de comer ás vacas, ía arrancar á herba seca ao palleiro, traíaa e púñalla ás vacas no presebe. Ao mediodía todos os días comiamos o mesmo: caldo, pan e queixo. Beber, bebiamos auga, xa que cartos para viño non había. Despois de xantar ía apañar o toxo co fouciño e traíao para o curral, para estrar as vacas nun carro tirado por dúas xovencas. No mes de xullo comezabamos a segar o trigo e o centeo, ós que lles chamabamos o pan. Mentres duraba a sega puñámolo no medeiro e ó acabar de segar (15 días despois) traiámolo para a eira, e alí colocabámolo nunha meda e mallabámolo cunha máquina; despois a palla levabámola para un palleiro e o pan carrexabámolo en sacos para a hucha. De verán parabamos de traballar cara as once da noite, porque aínda era de día e víase, pero de inverno parabamos ás 5 ou ás 6, á hora á que comezaba a escurecer. Nas casas antes non había luz, alumabamos cun candil de gas e non se vía moito.

 

¿Pasábase moita fame?

Concepción: Pasaba.Comiamos o pan moi escravo, e gracias a habelo. Antes había moita miseria.

Avelino: Muller, fame, fame non. Pero moita chea tampouco.

¿Que lembran dos anos da guerra? ¿Participou nela alguén das súas familias?

Concepción: Na guerra eu era unha rapaciña pequena e vivín bastante allea a todo isto, era unha nena e non me preocupaban esas cousas. Pero o meu irmán máis vello botou varios anos na guerra. Cando regresou eu tíñalle medo porque viña vestido de militar. O máis novo dos meus irmás deitouse nunha hucha para encoller os ósos e así non dar a talla e non ir á guerra.

¿Qué máis nos poden contar de como era a vida nos seus tempos e as diferencias esenciais coa de agora?

Avelino: Unha das diferencias máis evidentes son as casas. A miña casa era de planta baixa e sen cheminea. Tiña as cortes dentro, mesmo había que pasar pola cociña para chegar ata a corte. As camas que tiñamos eran de palla. Outra cousa moi diferente á vida de arestora era que os rapaces traballabamos moito; ás veces non podiamos ir á escola porque había que quedar na casa a facer as tarefas. Outro dos grandes cambios que eu vivín foi a chegada dos tractores e dos coches. Isto cambiou moito as nosas condicións de vida. Tamén a asistencia médica mellorou moito. Antes tiñamos que ir buscar ó médico á casa nun cabalo e volvelo levar. En xeral, as condicións de vida cambiaron para mellor. Agora hai moito tempo libre e gózase máis de todo.

Concepción: Antes as familias tiñan moitos fillos. Eu coñecín unha muller que tivera dezaseis fillos, pero moitos deles morreran. Antes non había métodos para non quedar embarazada e se os había non o sabiamos. Na nosa época as mulleres estabamos moi discriminadas. Por exemplo era imposible pensar en que un home lle axudase a unha muller coas tarefas da casa, a pesar de que elas traballasen tamén no campo igual ca eles.

¿E como eran as horas de lecer?

Avelino: A nosa diversión eran as festas, ás cales iamos andando. Teño camiñado moitos quilómetros para ir a unha festa. Logo na festa, sobre todo bailabamos, porque para beber como se fai hoxe non había cartos. De todos os xeitos había pouco tempo libre, tiñamos que traballar moito.

Concepción: Eu lembro que sendo nena non tiñamos xoguetes, colliamos un farrapo e faciamos como que era unha boneca e así pasabámolo tempo. Outro dos nosos pasatempos favoritos era debuxar co dedo na terra, xa que non tiñamos lapis nin papel.

¿Que lles chama máis a atención do xeito de vivir dos mozos e mozas de agora?

Avelino: Agora hai moitos cartos, gáñase moito e, en consecuencia, hai moito vicio. Os mozos e mozas teñen problemas co alcol e co tabaco. Outro aspecto que me chama a atención son as comidas, non son tan sas como as de antes. Agora todo está precociñado ou conxelado e a metade das cousas nin sequera sabemos de que están feitas. De todos os xeitos eu creo que antes pasabámolo mellor que agora, tiñamos menos cousas pero apreciabámolas máis.

Concepción: A vida cambiou moito. Como da vida á morte. Antes eramos moi pobres e pasabamos moitas miserias. Eu penso que todo está moito mellor agora, aínda que antes había menos vicios porque non se tiña tempo para eles.

 

¿Que opinan da introducción do galego no ensino?

Avelino: Antes falábase moito galego porque era o que se coñecía e o que se falaba na casa e coa xente da aldea. No colexio ensinábannos a escribir en castelán e tamén nos daban moita máis relixión ca que agora se dá. Antes iamos á igrexa todos os domingos e agora entra o ano e sae e non imos. Pero, volvendo ao tema, a xente de antes escribiamos toda en castelán (os que sabíamos escribir), pero falabamos todos en galego. O galego era a nosa lingua e a que se lles falaba ós rapaces.

Concepción: Agora hai outros estudos, outras posibilidades de aprender que nós non tiñamos para nada. Nos meus tempos só podían estudar os fillos de xente con cartos

As conclusións máis relevantes que podemos sacar despois de elaborar as entrevistas son que a xente de antes vivía nunha miseria case absoluta, sen ningún tipo de luxos. É importante que os mozos e mozas de hoxe en día sexamos conscientes de que non hai moitos anos a sociedade e as condicións de vida eran ben diferentes. As autoras deste pequeno traballo imos facer unha pequena reflexión sobre dous temas que nos suxeriron estas conversas: a sociedade consumista que nos tocou vivir e a situación da lingua.

A vida de agora é unha vida na que hai uns vicios, uns luxos e uns privilexios cos que a xente de antes nin tan sequera podía soñar. Tantos luxos innecesarios hai, que nos prexudican moi gravemente. Atopámonos fronte unha sociedade ambiciosa e privilexiada, na que o vicio dános coas cornas no cu. Alcol, tabaco e drogas... ¿por que e para que? ¿Sóbrannos os cartos ou é que non apreciamos o suficiente o noso corpo? ¿Somos tímidos e drogándonos e bebendo pensamos que así conseguiremos liberarnos desa timidez? ¿Ou é porque pensamos que se nos ven fumando, e poñéndonos ata arriba de alcol, etc., van pensar que somos máis “chachis” e se van a achegar máis a nós? Alcol, tabaco e drogas... ¿por que non e para que non? Porque nos estamos a perxudicar a saúde, porque non o necesitamos e podemos vivir perfectamente sen el, sen gastar os cartos en cousas que nos danan por dentro... Os nosos avós non tiñan nada diso, ni tan sequera viño, porque non había diñeiro para compralo. “Queixádesvos co vicio” é o que nos din sempre os nosos pais ou os nosos avós, e aínda que nunca llo recoñecemos, no fondo sabemos que teñen toda a razón.

O galego, idioma da patria galega... ¿Seguirase falando nun futuro non moi afastado ou morrerá nun presente no que case é desprezado? Desprezo non é a palabra axeitada, pero ¿vergoña?, quizais si, quen o sabe. Os nosos avós non sabían doutro idioma que non fora o galego, escribían en castelán os que sabían facelo porque era o que se ensinaba na escola. Na casa cos pais e na aldea coa veciñanza só se coñecía o galego, agora, coñecemos o galego e o castelán, aínda que, na maioría dos casos, o castelán supera ó galego, polo menos en determinados usos. Ámbalas dúas linguas son compatíbeis e por falar unha non hai que deixar de falar outra, pero, pensade que o galego formou parte da vida dos nosos avós e avoas, dos nosos bisavós e bisavoas... e que se chega a morrer sería como esquecer parte do noso pasado e privarlle aos futuros descendentes a oportunidade de coñecer unha lingua única e propia que só os galegos levamos no noso sangue.

Entrevista de Sandra Mahía Corral e Eva Cabo Villar, publicada no "CURCO NOVAS", xornal escolar do I.E.S. de Curtis

ATRÁS