Durante máis de setenta anos, as feiras foron o motor económico de Curtis. A xente acodía dos máis diversos lugares e ó longo da estrada numerosos autobuses levaban inscrita a súa procedencia, polo que se deducía que moitos deles eran de fora da provincia da Coruña. Algún destes autobuses xa viña de víspera, comprindo os requisitos dos feirantes que desexaban ter montado o seu posto antes de que abrise o día. O campo estaba dividido en feira dos queixos, das vacas, dos cabalos, dos porcos... e nas veiras os cobertizos acollían os quincalleiros, zoqueiros e as mercadorías de roupas e lenzos.


    Había outra clase de feirantes: os que recorrían unha e outra vez o campo e a estrada ofrecendo a súa mercancía, que levavan nunha caixa que pendían do seu pescozo por unha correa. En xeral eran cousas miúdas as que vendían: pedras de mechero, cordóns  para os zocos, etc... e a súa cantinela anunciando os artículos era insistente durante todo o día:


      -Vendo pedras de mechero, cordóns, correas...


     A monotonía publicitaria deste vendedor foi calando noutro ambulante, que percorría a feira cun feixe de vetillos colgados dun hombreiro. Os vetillos  eran unha especie de bozal de alambre que se lle poñia ós animais mentres araban, por se o demo os tentaba a comer o millo ou os repolos, xa crecidos, que estaban a veira da leira que se traballaba.


      Pois este bo home, maís ben calado, á vista do ben que lle ía a feira ó das pedras de mechero, maxinou que unha frase ben botada aumentaría as súas ventas, así que con voz forte e ben timbrada  comezou a berrar, feira abaixo :


       - ¡ Vendo vetillos para os burros dos labradores!


     O escaso acerto na elección da frase publicitaria fixo que un paisano ofendido lle repostara:
       

    - ¡Pois garda un para ti e outro para o pai que te fixo! !


         Aquel día, cando chegou a súa casa, o vendedor de vetillos non puido presumir de que lle fora ben na feira de Curtis.
 

Andrés Mariño Sanmartín.

Curtis, Virando no tempo

 

 

ATRÁS