O desenrolo das tradicionais festas patronais remataron moitos anos con pequenas anécdotas, motivo de comentario durante meses e, nalgúns casos, algo desvirtuada a realidade con tal de arrincar un sorriso a quen escoitase a pequena historia. Deixando voar o maxino, os feitos, máis ou menos, así acaeceron dándolle aos protagonistas nomes supostos.

 

 

    De sempre, o escenario das verbenas foi a carballeira do antigo Campo da Feira, iluminada segundo as posibilidades de cada época, con grandes zonas e escuras aproveitadas por algunhas parellas para bailar arrimadiños sen ter enriba as criticas miradas. Outros, máis arrichados, íanse achegando ás lousas e remataban rebrincando entre hortas.

  Pasado un tempo dunha festa dos anos cincuenta, María Pilar, a filla de Marcial do Carlista, rapaza dunha aldea da zona da estación, que axudaba os dias das feiras a despachar nunha coñecida casa de comidas, confesou á dona da fonda que estaba preñada de tres meses.

    - Pero muller, muller... pero ti...

   - Pois verá señora. Foi nas Lourdes. Bailei toda a noite co Milio de Bergume e, case ó final da festa, valseando, valseando e valseandolevoume ó medio das xudías... e.. ¡eiquí ten o resultado!

 

         Era costume en moita xente: estrear algo nas festas, tanto os de Curtis coma os das aldeas. Benedicto da Frouxa, non había festa que non lucira unha prenda nova. Aquel ano foi á Coruña co ánimo de mercar uns zapatos en calzados Segarra. Un sábado marchou no corto, tren que pasaba pola tardiña. Quedaría na casa da sua irmá, aproveitaría o domingo para ver os barcos e o luns mercaría os zapatos. Pero o seu cuñado tiña para el unha grata sorpresa: entradas para o partido do Teresa Herrera, Vasco da Gama - Athletic Bilbao. Moito disfrutou Benedicto coas virguerías dos brasileiros, pero na súa cabeza quedou grabada unha mensaxe publicitaria que esmagou os espectadores nos prolegómenos e no descanso do partido: "Gabardinas For, Trincheras For, Impermeables For", repetia unha e outra vez a megafonía da torre de Marathon. Tanta teima do locutor, fixo efecto en Benedicto, quen decidiu cambiar os zapatos por unha boa trincheira.

     Amaneceu algo nuboso o dia da festa e, pouco a pouco, tornouse bochornoso. O noso protagonista foi a  misa traxeado, coa gabardina recollida no brazo. Escoitou a misa dende o adro baixo os carballos, mentres o sol comezaba a picar rabioso. Mentres a xente saía da iglesia e formaba as filas para a procesion,  Benedicto vestiu a súa trinchera correctamente abotoada e co cinto ben apretado. A calor abafante e o sol que queimaba,  fixo que un dos cregos anoara as catro puntas do pano do bolsillo e cubrira a súa calva, en tanto Benedicto aturaba o sol, as miradas incrédulas dos músicos da banda e os sorrisos dos rapaces. Cando a procesión deu a volta na estación , o bo de Benedicto considerou xa ben lucida a nova prenda e, con moito disimulo, deixou a procesion  e arrimou a unha taberna do camiño.

 

    A historia aínda está fresca na memoria de moita xente. Aquel sábado de festa choveu todo o día e toda a noite; tanta auga caeu non en Curtis, senon en toda a comunidade galega, que o xornal  La voz de Galicia recollía nas súas páxinas a desfeita pola chuvia das populares festas que tiñan lugar en moitas localidades. Nun destacado titular “Palco a pique”, informabáse de que en Curtis, a auga fora axuntándose no toldo do palco, ata formar unha auténtica poza e, debido ó peso, veuse abaixo todo o tinglado.

     En fin, que a noite foi un desastre sen baile e case sen xente, pero non impediu a saida da procesion o domingo, ainda que a chuvia fixo que acabase nunca nova desbandada e quedasen os da comision para entrar os santos á iglesia.

     Ante tanta calamidade, o desánimo apoderouse dun dos vicarios que fixo patente a súa carraxe á estatua que tiña máis perto: a da Virxe de Lourdes. Cos brazos abertos pola impotencia, quedouse un anaco mirando a imaxe e con voz de enfado fíxolle unha súplica moi particular:

 -       A ver cómo te portas hoxe, porque onte cajáchela

    A rogativa-protesta do vicario debeu arrincar un sorriso alá no ceo porque, xa na tardiña, comenzou a lucir o sol e as festas remataron cun tempo marabilloso.

 
 

Andrés Mariño Sanmartín.

Curtis, Virando no tempo

 

 

ATRÁS