Joaquín Sande Mato, conocido como Xaquín o Zapateiro, foi un dos personaxes máis populares en Curtis dende 1916, ano no que chegou á vila, ata o seu psamento en 1969. Home de pouca estatura, rostro sonrosado e ollos picanróns, estaba casado con Sara, filla do tamén veciño señor Verdes; tivo un taller de zapatería onde se compartían horas de tertulia e celebránbanse as ocurrencias e bromas que gostaba de facer a calquera veciño ou parroquiano das aldeas da zona. As historias de Xaquín, quizais simples para a xente de hoxe, inda perduran na memoria de moitos veciños de Curtis.

 

    

   Tiña Xaquín por compañeiro de trasnadas a Paco Terrón, con quen se atopa unha tarde na cantina da estación, onde observaron un grupo de paisanos á espera de subir ó Santiagués (autobús  que facía o recorrido Curtis-Santiago), e cavilaron que a ocasión era axeitada para poñer en práctica unha das súas argalladas. Mestúranse no grupo e comezan un diálogo en tono alto para ser escoitados polos paisanos, no que viñan a mostrar a súa extrañeza polo feito de que a gata do señor Verdes parira sete crías que mesmo semellaban mitade cans e metade gatos, facendo fincapé no feito de que prestáronlle moita atención, ata parecía que facian fu-fu, guau-guau.

Tal era a seriedade e convicción con que estaban a falar os dous amigos que un paisano non puido resistir a curiosidade e pregunta:

     -Disculpen, ¿poderían dicirme onde vive ese señor do que estan a falar, que ten eses bichos tan raros?

     -Si, home, case enfrente da farmacia. Inda lle da tempo de ir deica alí antes de que marche o coche, e ademais quedaba el diante da súa casa.

      O viaxeiro bótase a andar pola estrada arriba ata que atopa ó señor Verdes tomando o sol na acera da súa vivenda.

      - Por favor, ¿e vostede o señor Verdes?

       -Para servilo.

        -Pois eu viña a ver se me podía vender unha desas crías, que son metade cans e metade gatos.

         A cara do señor Verdes mostrou un momento de sorpresa pero decontado se decata de que él e máis aquel home estaban sendo víctimas dunha broma.

           -¿Cómo di vostede? ¿Quén lle dixo semellante cousa?

           - Pois verá , duas persoas o falaban mentres esperaban o coche; un máis ben fraco e outro pequerrecho e con bigote.

           -Pois mire vostede, -remachou o señor Verdes-  nin teño cans, nin teño gatos e de seguro que esta é outra historia das moitas que me fai o meu xenro.

 

 

 

 

  Polo Nadal, Xaquín recibía participacións de lotería que lle mandaban as casas onde él mercaba os coiros para os arranxos do calzado. O día do sorteo, e xa coñecido o número do primeiro premio, Xaquín e Paco amañan unha rifa co número do gordo, e baixan ata a cantina cando está a chegar o correo que leva o leite para A Coruña, hora na que o local se enche de xente. Dende unha esquina preguntan a Benito Moar, titular da cantina, se coñece o número agraciado.

  - Saber non o sei, pero agarda que pregunto á Coruña -  comenta Moar mentres vai ata a oficina da estación, por aquel tempo único contacto telefónico coa capital da provincia.

   Volta Benito co número anotado e dende tras o mostrador “cántalle”o gordo a Xaquín. Con gran nerviosismo volve o zapateiro a preguntar, o tempo que mostra a papeleta:

  -¿Qué número dixeches?

    Benito non daba creo ó que vía, en tanto Paco, que finxe gran sorpresa,  dalle fortes apretas ó Zapateiro.

   - Tocouche Xaquín, tocouche -  berra Benito.

   A xente da cantina garda un momento de silencio para deseguido armar o consabido rebumbio, mentres Paco e Xaquín saen correndo e o primeiro informa á xente que atopa polo camiño: ¡A Xaquín tocoulle a lotería!.

   A noticia espállase axiña por todo o pobo e son os compadres de Xaquín, Santiago o reloxeiro e a súa muller, Julia, os primeiros en acudir a felicitalo, sendo ela tan efusiva no seu abrazo ó zapateiro, que os dous rematan no chan.

   Xaquín segue mantendo a broma de forma tan diplomática, que nin ata nin desata sobre a contía do premio en tanto recibe felicitacións. Antonio Prado, home serio, emociónase visiblemente ó darlle a noraboa e de seguido manda aviso ó seu cuñado Pardellas, garda civil en Guitiriz, quen a súa vez remite un telegrama ó zapateiro desexándolle moita felicidade.

   Varios telegramas recíbense os días seguintes na casa de Xaquín, a quen tamén mostran o seu afecto os parroquianos, ata que xa cansa do lío armado, Sara toma cartas no asunto e aconsella ó seu marido:

  -Xaquín, para o conto que vamos tolear.

 

 

 

 

  Ata non hay moitos anos existía en Curtis o costume nas vodas e bautizos de que os padriños tiraran moedas e caramelos ós raparigos que esperaban á saída de igrexa e ó longo do recorrido dos protagonistas da festa ata a súa casa, sendo costume tamén que os veciños estivesen nas portas para ollar o paso da comitiva.

  Na voda do seu fillo Manolo, Xaquín foi o padriño e compriu coa norma de lanzar moedas e caramelos ós rapaces, pero no recorrido ata o salón onde se celebraba o xantar, cando se atopa con algúns veciños aclamándoo ¡padriño, padriño!, acércase a eles e dalles caramelos, pacientemente por él amañados, que contiñan anaquiños de madeira.

  A xente ó desenvolver o regalo botávase a risas e o comentario era xeral:

 - Xaquín, ¡mala centella te coma!.

 

 

 

 

  Certo día acode á zapatería de Xaquín un veciño de Barbeito para encargarlle unhas pezas para uns zocos. O paisano despois de moitas voltas, que se o tempo, que se o zoqueiro, que se vir dende Barbeito… déixalle ver que lle gostaría que se puxese de contado co seu encargo, e para animar ó zapateiro faille unha promesa.

  - Mira Xaquín, se te pos agora coas miñas pezas, vou de caza e traioche unha lebre.

  Mentres o paisano daba voltas á forma de facer o encargo, na cabeza de Xaquín xa bulía cómo gastarlle algunha broma, polo que se aproveitou ó momento da súa premura.

  - Coser, miraba de coselas – dixo Xaquín -. Pero ocorre que necesito algunha das pedras de afiar as agullas, pois téñollas prestadas ó mestre de obras dun chalet que están facendo enfrente da farmacia. Vai alá e dille que necesito algunha.

  O mestre, que sabía das bromas de Xaquín, cando recibe o recado colle a pedra mais grande que atopa, métea nun saco, e axuda a subila ó lombo do paisano, quen chega de volta á zapatería mollado polo suor e fáltalle tempo para tira-la pedra enriba do mostrador.

 Xaquín ó ver o envío do mestre de obras, terma como pode as risas e trata de convencer ó parroquiano.

  - Pero home, home, que pedra che deron. Esta non é a que eu necesito. Vai alá, lévalle a pedra grande e dille que eu quero a pequena.

   O veciño de Barbeito séntase nun tallo buscando un pouco de descanso, saco un pano para limpar a faciana e dille ó zapateiro.

 Pois mira, Xaquín se o señor da obra foi él quen pediu a pedra, que volva él a por ela, porque eu mando as pezas, os zocos, e a lebre ó carallo.

Xaquín, segundo pola esquerda, con membros do seu taller.

 

 

 

 

  Un bo día pola década dos anos cincoenta, un amigo sorprendeu gratamente a Xaquín o Zapateiro, cun exquisito regalo: dous quilos de percebes que, ó parecer, eran grandes e gordos coma o dedo polegar da man dun ferreiro. Agradeceu Xaquín o obsequio e, chegando a hora do xantar, encargou a súa muller, Sara, que puxera auga a ferver para cocer o marisco.

  Compriu Sara o encargo do seu marido, pero xa coa pota ó lume tivo que ausentarse da cociña, o que puxo en coñecemento de Xaquín para que éste atendera a cocción do marisco.

 Por aquela época tiña Xaquín como aprendiz de zapateiro a un rapaz dunha das aldeas dos arredores, que nunca saíra da comarca e que nunca vira mais peixe ou marisco que algunha troita do río Peneco. Naqueles intres atendía como Xaquín encolaba unhas tapas para uns zapatos, polo que o zapateiro non lle era doado deixar o traballo encargando ó rapaz que bote unha ollada por se a auga fervese.

  Vai o aprendiz á cociña e destapa a pota, atopándose cos percebes que asoman a cabeza como querendo fuxir de entre a auga que xa comeza a bulir. Ante a visión de aqueles “bichos”, que ata parece que miran para él, o mozo tiña a tapadeira ó chan o tempo que sae correndo cara o taller, berrando como pedindo auxilio:

  - Señor Xaquín, señor Xaquín, ¡ cóbrejas ! ,  ¡ cóbrejas !.

 

 

Andrés Mariño Sanmartín.

Curtis, Virando no tempo

 

 

ATRÁS