|
|
![]() |
Manuel Vázquez, O Barbeiro, posa xunto a popular "Rubia".
A paixón de Manuel Vázquez, O Barbeiro, foron sempre os automóviles. Natural de Palas de Rei, recalou en Curtis a primeiros de século tras unha viaxe de regreso desde Canfranc (Huesca), onde traballaba nas minas. Chegado a Curtis estableceu unha barbería perto da estación, oficio que abandonaría ó pouco tempo para dedicarlle toda a súa vida ós turismos de aluguer. Xa entrando en anos dispoñía dunha furgoneta que se fixo famosa en toda a comarca: A Rubia do Barbeiro. Moita xente recórdaa e garda curiosas anécdotas dela, como cando levaba os rapaces a xogar un partido de fútbol a Teixeiro e había que baixar nas costas, e ás veces, ata empuxar.Os días das feiras adoitaba facer varias viaxes, levando desca as súas casas a xente que acudía a Curtis cargada de mercancías compradas na feira. Nunha tarde de inverno, xa coa noite enriba, inicia unha viaxe con tres ou catro galiñeiras que se meten na Rubia entre toda clase de bultos e animais: galiñas, coellos, queixos, ovos...
Arranca O Barbeiro e encara a estrada de Santiago, naqueles tempos case unha corredoira chea de curvas, chegando lento pero se dificultade ata o Pico de Cumbraos, onde xa é noite pecha e atopa espesa e húmida brétema. Comeza a baixar o Pico e nunha curva non pode controlar a Rubia, que despois de dar varios tumbos pola cuneta remata nunha silveira.
Entre os berros das galiñas e das galiñeiras destaca a voz dunha delas, que tras de levarse a man á cabeza, atopa un liquido viscoso sobre o pelo.
- ¡Sangue!, ¡sangue!- berraba a vella, mentres tentaba sair apartando un cesto de galiñas que se lle botara enriba.
Manuel colle unha linterna e controla a situación despois de enfocar á pobre viaxeira, media morta polo susto.
-Deixe de berrar, señora. ¡Que sangue nin que diaños! ¡O que vostede ten na cabeza e unha tortilla de catro ducias de ovos.
Andrés Mariño Sanmartín.
Curtis, Virando no tempo