O MENDIGO DO Nº 9
Na rúa do Zapateiro asomaba a lúa rodeada de estrelas. Cada unha delas semellaba ter un sorriso alegrando a súa face. Sorrían á lúa, o astro xefe da noite. A rúa estaba baleira. Ninguén camiñaba baixo o resío daquela noite de verán. Só se podía albiscar o rumiar dun vello mendigo apostado no portal do nº 9. O son dun tambor resoou de súpeto na súa cabeza. Ergueu a súa faciana e puido albiscar a súa procedencia. Era un son doce que acariñaba os seus tímpanos. Tum-Tum-Tum. Proviña daquela sombra xoguetona e anxelical que se achegaba con garboso andar. Cando, ó fin chegou á súa altura, puido apreciar a fermosura dunha pequena nena vestida de muller. Semellaba un anxo enviado do ceo. Desprendía a branca luz da xuventude e, ó mesmo tempo, a negra sombra da madurez. Cravou os seus ollos no mendigo do nº9, nome co que era coñecido o vello Xabier. Éste sentiu o fulminar daquela mirada perdida no fluír da vida. De súpeto un silencio perpetuo invadiu o ambiente ata que un pequeno gatiño se atreveu a usurpar o protagonismo daquelas dúas personaxes. A rapaza reaccionou ó ruído provocado polo correr dunha vella lata de refrescos, como quen esperta dun profundo letargo. Volveu a mirar cara a Xabier que mostrou o seu vello e doce sorriso. As dúas miradas reflexaban o cansazo enfermizo dunha vida desfeita e apagada. O sorriso de Xabier era unha forma de escape da pura realidade. O pouco tempo que permaneceron ollándose parecía un espertar eterno ante o mundo. Porque non só intercambiaron miradas senón que tamén intercambiaron recordos, imaxes e vivenzas, falsas testemuñas da vida. Xabier albiscou nos ollos da rapaza a imaxe dunha muller fermosa que unha voz lonxana chamaba polo nome de Rosalía. Aquel fora o nome da súa defunta esposa, anxo do ceo, inimigo do inferno. De súpeto, a faciana de Xabier trocouse da cor do río cando morre no mar. Por un segundo sentiu ver a súa vida reflexada nos ollos da rapaza, vida que semellaba compartir con aquela outra alma perdida. Os ollos dela cubríanse de sangue a medida que o espírito de Xabier se alonxaba do mundo. Pero a rapaza non reaccionaba. A súa mirada seguía inmune ó que estaba a ocorrer. Mentres, o mendigo do nº9 acudía á chamada de Rosalía, o seu eterno amor. O silencio cubriu de novo aquela rúa e só se puido ver como un corvo negro alzaba o seu voo cara ó ceo infinito. Era a alma de Xabier que se dispuña a reunirse coa Rosalía dos ollos da rapaza. Ela soltou unha pequena bágoa e seguiu o seu camiño baixo o luar, pola rúa do Zapateiro.
CARMEN CASAL CAMBÓN
LARACHA