MANU
28 de Xaneiro, no ano que nen eu recordo nen Manu quería recordar. Aquela mañá levantárase entre os berros dos corvos na fraga do río. Quizais, fose un mércores, ou un xoves. Non. Foi un martes. Ou foi un venres. Manu non o sabía nen quería sabelo. Para el, tódolos días eran iguais. Unha rotineira que o queimaba por dentro. Unha rotineira que o apartaba da realidade. Pero, ¿que realidade? Esa escura e neboenta realidade que cada día entraba polos seus ollos. Uns ollos cansos, sen esperanza, sen vontade para volverse a abrir. Pero, ¿que fora o que o levara a tal situación? Facía poucos anos era un rapaz cheo de vida, ledo e xoguetón. ¿Que pasou na súa vida dende aquilo? Moitas cousas.
¿Era aquel o retrato dun xove que chegaba ós seus últimos días? ¿Sería verdade o que el pensaba? ¿Significaba a súa situación, a súa desesperación, que non moi tarde viría a morte e o levaría consigo? O seu pensamento cría que aquel mundo no que estaba vivindo pecharíase para sempre para el. A vida xa non tiña un camiño dereito. Era un ir e vir, e seguir, e volver, e morrer.
Pero, ata aquel día no que o levaría a morte, tiña que seguir a súa vida cansa e deambulante polo mundo. Non podía, aínda que quixera, permanecer estancado nun leito ata o seu fin. A súa conciencia ou algún outro mal impedíallo e obrigábao a erguerse cada mañá e seguir a súa rotineira diaria. Ninguén sabía, nen quería saber algo del. Ninguén, era a mellor palabra que oíra Manu. Porque el non quería ver a ninguén, non quería que ninguén o seguise maltratando, que o seguise insultando. Ninguén, nunca xamais.
Ó deitarse cada noite escoitaba o canto da curuxa no alto do carballo. Aquel carballo que nacera e medrara con el. Aquel que nunca o deixara só. A pesares dos anos, permanecía intacto, esperando, como Manu, que as súas polas caeran e a súa vida se apagase. Manu dicía que morrerían xuntos, un abrazado ó outro; olvidando todo, sen pensar en nada. Aquel carballo era un carballo con maiúsculas na vida de Manu. Era o seu cómplice, o único ser que o comprendía e o escoitaba. Tódalas noites contábanse as súas penas. Dalgún xeito eran irmáns de saiba, segundo dicía Manu. Porque Manu non levaba sangue nas súas veas. El era diferente a todos os demais. Polas súas veas so corría a saiba da vida. A mesma saiba que lle dera a vida ó seu irmán, Carballo.
Facía uns anos, Manu comezara a sentir unha presión no corazón. Era unha forza moi superior ás súas gañas de vivir. Era unha forza durmida que espertaba de súpeto ata facelo caer. Dende aquela xa non era o mesmo. Sentía que a súa vida se apagaba e que o fin estaba preto. Manu non sentía tristeza. Soamente sentía unha felicidade enferma que o facía vagar pola vida como alma en pena. Iso é o que el era, unha alma en pena que buscaba o camiño para o seu descanso absoluto. Pero Manu sabía que o seu camiño non precisaba búsqueda. Porque ese camiño estaba trazado dende o seu nacemento. O seu camiño fora trazado pola man de Deus e nen el nen ninguén tiñan dereito a desafialo. Manu quería chorar. El nunca chorara. Pero agora necesitábao. Nos seus últimos días Manu soamente choraba, esperaba, resignábase e volvía a chorar.
¿Por que ninguén se achegaba a el? ¿Por que a xente que o coñecera cando era neno se olvidara del? ¿Por que pola rúa o miraban como se fose unha aparición? Soamente había unha resposta a tódalas preguntas que entraban e saían da mente de Manu. El tiña SIDA. A vida fixérao caer nunha trampa. A morte esperaba por el. Porque o seu mal non tiña cura. Pero Manu morrería con dignidade. Aínda que morrera só, el morrería coa cabeza ben alta. Iso tranquilizábao. Pero ¿estaría a conciencia de todas esas persoas que o rexeitaran tranquila cando morrera? El cría que non. E eu penso que tiña razón.
CARMEN CASAL