1 + 3  historias de desamor

 

          O cativo e vermello sol asomaba entre as nubes cubrindo de raiolas o camposanto da escoura, do reducto máis esquecido da condición humana; mentres, o vento da mañá batía a rentes do chan facendo vibrar os inanimados corpos que, amoreados, xacían anarquicamente semellando revivir con cada refacho de ar, como se este fose o mesmo alento divino.

Aquel lugar desolador, fúnebre e fedento, era a casa de Isápix, un Corvus corax pertencente a unha

 acomodada saga familiar da que o seu avó, Catélix, un dos primeiros colonos desta terra, era o patriarca.

 Era costume de Isápix erguerse cedo e saír a voar ceibe por toda a veiga, soñando que algún día voltaría ser como noutrora, como antes das longas guerras e que chegaría o día en que Isápix, neto de Catélix, reinaría o grandioso Imperio que lle correspondía por dereito.

Como sen querer fórase afastando da fronteira, tanto que non sabía con seguranza en que territorio se atopaba. Baixou a vista ao mar de plásticos en busca dalgunha referencia e non atopou máis que unha enorme extensión de pequenos outeiros que se sucedían cara o sur, máis desde a altura e no medio daquel collage multicolor descubriu algo abofé rechamante, algo que endexamais vira. Xa pousado ao seu carón, tentando manter o equilibrio na lene aba onde se atopaba, viu que non era máis que unha bolsa de lixo como os milleiros que a arrodeaban, mais aquela era dunha cor moi especial, como se nalgún intre fora dun amarelo escintilante que, co pasar do tempo, a luz do sol transformara nunha nova cor xamais vista por Isápix. Deu renda solta ao seu maxín. Aquelo ben podía gardar un tesouro... ¡Que feliz faría ao seu avó! Argallou ata abrir a bolsa e dela caeu unha rede de filamentos entrelazados infinitamente no espacio, un novelo de rexos e enferruxados fíos de metal, en fin... un estropallo de última xeración practicamente novo. Baixo botín para unha incursión tan perigosa. Cavilando no seu uso como alicerce do seu novo fogar da fronteira sur e descoidando a súa retagarda, ainda non sabendo onde estaba, Isápix sentiu como se desgarraba a carne do seu lombo dunha forte peteirada. Un longo salaio asolagou o vagantío. A dor era intensa e desacougante, mais nunha hábil e astuta manobra rachou a voar, co estropallo no seu peteiro, cara o Leste. Aquel ataque a traición só podía ser dunha Larus fuscus, as gaivotas sombrías que na última batalla ocuparan a zona Oeste ¡Como puidera despistarse daquel xeito! Voaba, lenta e desesperadamente, sen rumbo cunha dor punzante que lle facía pensar no peor... ata que o sol, de súpeto, esmoreceu sobre Isápix que, erguendo a testa, viu como a enorme e carrañenta gaivota lle espetaba o longo e afiado peteiro no cranio, fendéndollo. Morreu no acto, mais o estropallo seguiu fortemente aferrado no seu peteiriño negro acibeche. Os fortes refachos fixéronos planar aínda uns segundos para, finalmente, facelos afociñar naquel mar artificial e fedento, naquel inmenso e podre mar... no mar do lixo dos homes.

 

 

I

                Facía xa dous anos que non sabía ren de Antía, desde que remataramos a carreira en Lugo, por iso me sorprendera que me telefonara para irmos tomar algo. Quedamos no café de costume das nosas tardes de sábado cando inda eramos estudiantes. Cheguei dez minutos antes da hora acordada para coller mesa. Ao  pouco chegou ela, fermosa como sempre; con ese elegante porte que a caracterizaba, coa súa longa melena roxa -máis longa do habitual quizais- e con eses seus ollos grandes e claros que semella te radiografan. Vestía un longo traxe branco axustado que amosaba a plenitude das perfectas curvas do seu corpo. Bicámonos e como non díxenlle o fermosa que se atopaba.

-          Esquecera xa a de xente que hai na Coruña en verán.- Dixo sorrindo.

O café estaba ateigado e inda que os ventiladores funcionaban a máis non dar a calor era insoportable. Falamos dos vellos tempos, da xente, do meu recente traballo e a miña arelada independencia, logo pregunteille por ela, onde estivera, por que marchara así...

-          Estiven  de viaxe pola China, unha viaxe de dous anos.

Contoume mil e unha aventuras e anécdotas que lle aconteceran, o seu falar doce como a mel da chorima engaioloume e envolveume  nun fondo sono do que só puiden saír da man do camareiro, que

 amablemente nos pedía que marcharamos, pois ían pechar. Perdera a noción do tempo, era xa ben tarde. Paseamos ata chegar á súa casa. Paramos no portal. Meteu a man no bolso e sacou unha pequena caixa envolta en papel de regalo.

-          Antes de me esquecer, isto é un agasallo para ti.

Abrín con todo o tino posible o envoltorio, pois o papel era abofé ben fermoso. Logo abrín unha caixiña de cartón que contiña un lote de pequenas labras e do fondo rescatei unha pequena e antiquísima cunca de té de porcelana delicadamente pintada a man.

-          Sei a túa afección polas infusións e beberaxes e coidei que che gustaría. Verás, merqueina nunha tenda de antigüidades en Pekin e segundo me contou o dependente forma parte dunha louza que o Emperador da China agasallou a unha antiga dinastía de nobres do Sur do país.

Agradecinllo de corazón. Despedímonos e, como sempre, esquecín dicirlle o moito que a quería. Marchou rubindo as escaleiras. Quedei coma un parvo no portal vendo como a súa sombra esmorecía. Non sei cando a verei de novo, dixo que cando volte me ha chamar... quen sabe igual dentro doutros dous anos. Agardareina.

 

 

II

 

                Por fin, aquela vida si que era axeitada para ela, inda que ás veces se atopaba un tris soa naquel estante de castiñeiro. 25 Xia Jong era o nome e apelidos da cunca nº 25 que fai xa 3501 anos fora agasallada á dinastía Xia Jong de mans do propio Emperador da China. Estaba moi orgullosa de teres tantos anos e nin unha soa “engurra”, sobre todo logo de ver como os persas raptaban e asasinaban a algúns dos seus irmáns, como a libraron da queima da casa durante a ocupación xaponesa ou como, máis recentemente, fora agochada do saqueo dos chineses comunistas. O certo é que calquera cousa agás estar esquecida nunha vella tenda de antigüidades de Pekin. Gustou do noso clima, axeitado para o seu delicado cutis de porcelana; temperaturas medias e certa humidade, o clima perfecto para a mediana idade.

                Todo comezara ben, 25 Xia Jong era o enfeite predilecto do amo. Faláballe, aloumiñábaa e

 limpábaa moi a cotío. Ela, que nunca así fora tratada, namorouse del, do seu falar, do seu lene e tendencioso tacto... ata que un día o amo parouse diante dela, reflexivo:

- ¿Cantos e que misteriosos beizos se pousarían na túa fermosa face de porcelana?

E dende aquela o amo coidou que tomaría o té na cunca de porcelana tódalas tardes.

                Xa esquecera a dor inicial da auga quente sobre si, mais logo desa dor o pracer era infinito, inda máis cando o amo, moi paseniñamente, achegaba seus vermellos e carnosos beizos a ela e en pequenos grolos bebía o té. Logo, moi coidadosamente, unha auga morna bañábaa no fregadeiro e tras un delicado enxugado voltaba á repisa principal da casa. 25 Xia Jong sentíase moi leda, por fin era tratada como debía, como a súa condición de nobre dentro das louzas así o esixía. Ata aquel día... dramático día podo dicir. Para o amo, co paso do tempo, tomar té naquela cunca pasou de ser algo moi especial a unha costume de tódolos días, así que, un día logo de tomar o té deixou a cunca enriba da mesa do salón e marchou. O zucre indisolto, mesto e apegado no seu fondo molestábaa, o té pegañento deslizando polas súas delicadas paredes... Sentíase luxada, outravolta esquecida e infravalorada  ¡Que fora do amor! Non o comprendía ¿Cómo esvaecera xa aquel sentimento de cariño cara ela?

¡Ela amábao!

 

   

III

 

Alí espertou, só no medio dun amplo e frío andel de ferro branco. O ar resultáballe abafante. Mentres observaba ao seu redor comezou a asubiar unha metálica cantiga que aprendera pouco despois de nacer. Xusto fronte a el, alén do amplo e iluminado corredor, nun andel semellante ao seu, divisou varios xogos de tixolas e cuncas de plástico de distintos tamaños. Na súa estantería o único que adiviñou a ver, mesmo baixo el, foi unha rechamante etiqueta que rezaba: “Oferta especial de lanzamento”. De alí a un anaco unhas fermosas e delicadas mans colocaron ao seu carón unha caixa  rectangular de cartón da que sobresaía un anaco de plástico dunha cor amarela escintilante.

-          Vaia, eu a ti coñézote.-dixo o recén chegado- Cando viña cara aquí, o camión de reparto detívose fronte unha tenda de electrodomésticos e nese intre apareciches nunha das televisións. Es ese novo estropallo do que tanto se fala no almacén do que veño.

En efecto, era el, o grande e inconfundible novo estropallo que saía a todas horas na televisión, o que todo o mundo querería ter na casa en cousa de días. Nacera había ben pouco, fillo dunha tubería de aluminio e dun arame de aceiro, nunha fundición de fóra;mais non lle custaba moito entender o idioma, pois estaba emparentado con esta terra por parte de nai.

-          O mesmo.-respostou fachendoso- E logo... ¿Quen ves sendo ti?.

-          Pois sonche unha bolsa do lixo, un anónimo anaco de polímero de plástico. Xa vés... agárdame unha dura vida por diante, chea de penurias e sofremento, non como ti que terás unha vida curta á par que intensa e coñecerás louza a patadas. Morrerei logo de centos de anos cangado con quilos de lixo logo dunha dura degradación das miñas moléculas polimerais expostas aos trocos de temperatura, á choiva,  ao vento...

Inda ben non rematara de falar cando unha man os colleu a ambos daquel frío estante. Era un home novo, forte e de mirada fermosa encerrada en dous grandes ollos verdes. Desde aquel intre, aquel home pasaba a ser o seu amo, a persoa que decidiría seus destinos; destinos que ficarían xunguidos por máis tempo do que endexamais pensarían aquela tarde naquela tenda de todo a un euro.

 

 

 IV

                Cando chegaron á casa, o home pousou o estropallo no vertedoiro mentres gardaba o paquete de bolsas do lixo nun escuro caixón. Aquela foi a primeira vez que o estropallo a viu. Alí, diante del, a escasos centímetros choraba desconsolada unha fermosísima e delicada cunca de té de porcelana. O estropallo botou peito facendo que os raios de luz, que entraban pola pequena xanela da cociña, fixesen reflectir os seus intactos e refrinxentes arames. Acababa de se namorar así...  sen máis. Sabéndose neófito nestes tratos fixo gala da súa máis melosa fala, se é que algo metálico pode ser meloso.

-          Coido que... non é bo para esa suave porcelana, que tes por corpo, o teu fondo bagoar.

A cunca mirou de esguello cara onde viñan aquelas verbas.

-          ¿Como afoutas? Había ben tempo que non ollaba fasquía semellante. ¿Quen cres que es para te dirixir a min dese xeito? ¿Onde vai o respeto doutrora ás clases altas?

-          ¿De que respeto fala señorita? ¿Non somos todos iguais? Compracida debía de se sentir ante as miñas sinceras verbas.

-          ¿Es tan duro de ouvido como de aspecto que inda non comprendiches que nunca en ti me hei fixar? Esquéceme por sempre.

O estropallo, decepcionado, desinflou paseniñamente o peito e as raiolas deixaron de o alumear mentres a cunca se volvía de costas. Sabía que era moi rudo para semellante fermosura e que endexamais habería nada entre eles, mais non había de perder a esperanza, algunha oportunidade tería. Estaba namorado de máis para renunciar ao seu amor e tentaba unha nova acometida cando, de sutaque, o amo entrou asubiando unha doce melodía. Colleu o estropallo e mollouno, logo verteulle xabón. O estropallo sentiu cóxegas e seguro de si mesmo soubo que o seu primeiro traballo estaba a piques de comezar.

-          ¡Ai! Miña cunquiña. Vaia erro cometín mercando este estropallo na vez de o de louza fráxil, eu non quería... ben agora xa está, mais síntocho ben.

De entre os arames do estropallo comezou a xugar a escuma branca do xabón, que foi caendo paseniñamente en 25 Xia Jong.

“Non podo entendelo. ¿Como  chegou a isto? Lembro con nostalxia aquela época en que o amo me trataba como o que son, unha reliquia. Non acado a comprender o motivo deste novo e vil trato que me aplica. ¿Acaso non me comportei como debía? ¿Fixen, logo, algo merecente disto? ¿Que umbríos pensamentos percorrerán o siso do meu ben? Estou segura que inda non coñece meu amor por el, pero eu non podo facer máis ¿Como pode rascarme con ese horrendo e duro estropallo? En toda a miña vida xamais me fixeran caer tan baixo. Coido que non soportarei moito máis esta situación. Este desamor é insoportable... así non podo vivir.”

“En realidade sentía verdadeira mágoa por ela. Sabía que o trato que lle estaba a dar non era o que correspondía. Cada vez que levaba aquel duro estropallo ata o fondo da cunca para limpar aquel apegado sucre escoitaba unha voz na súa conciencia. ¿Qué pensaría Antía do seu xeito de actuar se o vira? Aquela cunca era o único que tiña dela, da súa amada Antía e tiña que lle durar pois convertérase no símbolo do seu platónico amor por ela.”

“Non o podo crer, fai un anaco pensei que endexamais tería oportunidade de falar con ela e agora estou aquí, dentro dela, descubrindo a súa máis íntima porcelana, a que só poden descubrir os átomos e elementos. Aquela porcelana que non sendo deste xeito xamais descubriría. Xa podo morrer tranquilo, xa non hai nada no mundo que máis mérito me teña que isto. Por vez primeira na miña vida son feliz.”

         O amo pousou o recén estreado estropallo sobre a mesa mentres abría a auga quente para aclarar a cunca. Moveu suavemente a cunca baixo a auga morna, escaso alivio para tan duras feridas sufridas por 25 Xia Jong  naquela tarde. Entre a auga que corría cunca abaixo, deslizábanse grosas bágoas de desacougo, infelicidade e dor. Cando o amo rematou co aclarado puxo a cunca a contraluz para ver ben se a limpeza fora eficiente. Un salaio de desesperanza foi preludio dun violento retomar do aínda escumoso estropallo. No fondo da cunca quedara zucre pegado. Voltou a mollar o estropallo e cando ía coller a cunca, esta; cansa xa daquel fondo desamor e tentando evitar unha vez máis a dor metálica dos milleiros de esgrevios arames;  botouse cara o amo. O movemento provocou, xunto co xabón que emanaba do estropallo, que a cunca esvarase e caese esnaquizándose. A incredulidade apoderouse do home que, tras se anicar para ver o estado en que quedara, botou un berro de impotencia mesturada con rabia. Ergueuse cunha velocidade abraiante e tirou con forza o estropalllo na bolsa do lixo, unha bolsa dunha cor amarela escintilante, como sabedor de que el tivera parte da culpa. Logo anicouse novamente sobre o cadaleito de 25 Xia Jong e fechando os ollos fixo un corte nun dedo cun anaco de porcelana. Aquela futura cicatriz sería en lembranza de Antía. Colleu os restos do chan e moi coidadosamente foinos depositando no cubo do lixo, alí a carón de onde, abraiado polos acontecementos, permanecía o estropallo. Dentro do malo sentiuse cheo de ledicia, permanecería por sempre a carón do primeiro e único amor da súa vida, ou eso creu.

 

Xabi Bermúdez

 

 

 

 

   ATRÁS