Lupe Gómez naceu en Fisteus, aldea do Concello de Curtis en 1972. Estudiou xornalismo, en Compostela, e desde o seu oficio mantén columnas abertas na prensa galega. Poeta tamén, os seus libros significaron un baño de naturalidade, valentía e frescura para as letras galegas do fin do século XX.

  Fisteus era un mundo é un libro escrito para que a aldea non morra nunca. A narración dunha muller que tivo medo de dicir que era da aldea e que agora lanza unha reinvindicación do idioma, da amizade, dos pais e da terra.

  Hoxe presentámosvos o que pode considerarse en si mesmo un pequeno relato introductorio desta obra, no que Lupe Gómez describe a súa infancia en Fisteus, e as súas primeiros contactos co mundo da cidade.

  Podedes consultar a ficha de Lupe Gómez na Biblioteca Virtual Galega, onde atoparedes unha relación das súas obra publicadas, e unha autobiografía desta autora.

FISTEUS ERA UN MUNDO

 

Introducción

 

Eu nacín nunha aldea pequena, Fisteus. Un lugar impresionante. Noto que hai como un medo na xente a decir que é da aldea. Eu tiven ese medo. Aínda non sei seguro se o superei. Habería que superar tantos medos... Ser da aldea en Galicia aínda é como ser doutro planeta. Como se fósemos marcianos. Cando en realidade Galicia sempre foi rural. Temos que deixar de ser nenos tontos e facernos adolescentes e medrar. Medrar, para non termos vergoña de ser como somos. Fillos e amantes do campo.

As cidades sempre son máis feas que a natureza. Ás cidades gústalles matar a natureza. No instituto onde eu estudiaba, na Coruña, díxenlles que na miña casa tiña porcos e ríronse de min e miráronme como se viñese doutro mundo. A que me tiña que rir era eu, rirme deles, pero ríanse eles de min. As cousas ás veces son tristes. Pero imos progresando. Cada vez os nenos da aldea espabilan máis e senten como un orgullo –ou como algo normal– ser de onde son. É importante non mutilarnos, non rompernos por dentro.

Hai que levar sempre a fachenda por diante, como unha bandeira nos nosos corpos. Aquí en Galicia houbo unha guerra. Unha guerra entre bandos absurdos, porque a guerra sempre é absurda. Pero destrúe e fai moitísimo dano. Aquí en Galicia houbo unha dictadura e mallábante a paus se querías ser da aldea. Ser da aldea era difícil. E por iso hai e había tanto señorito e señorita nas cidades que se mofaban dos que viñamos do outro norte, a aldea. A min dábame medo esa xente, moito medo. Eu tiña trece anos cando marchei estudiar á Coruña. Gustábame estudiar. Sentada nunha pena de Fisteus, soñei con marchar. Era para min unha aventura. Eu quería ver mundo e abrir a cabeza. Pero na Coruña sentinme mal. A xente era grande e fina e castelá. Decateime de que a miña aventura non tivera moito sentido. Estaba nun ambiente hostil para min. Todos os domingos uns familiares víñanme buscar para levarme en coche a aquel mundo raro. Eu sentía que me roubaban. Roubábanme, agora seino, o orgullo. Eu, que falara galego de toda a vida, paseime ao castelán. Non me quedaba máis remedio se non quería que aqueles grandes monstros da cidade me matasen coa mirada, cos prexuízos. Os prexuízos son moi malos. Os negros, os xitanos, os da aldea... merecen respecto. Nunca debemos encarcerar a nosa angustia. Eu encarcerei a miña angustia e falei castelán. Coa impresión de que Fisteus quedaba a cinco mil quilómetros e de que era algo que debía abandonar.

Eu son tímida pero alí na Coruña fíxenme “hipertímida”. Sentía raiba contra os señoritos que me daban medo. E non falaba. Estiven muda. Racheime no interior. Andaba como un fantasma polo instituto. Un fantasma envolto en dor e terra. A terra de Fisteus, que levaba dentro de min. Ser da aldea era como un pecado, e eu sentíame mal.

Igrexa de Fisteus

Os fins de semana ía á discoteca a Curtis e había un mozo xornalista, e maior que eu, que me gustaba. Eu faláballe á miña amiga Chefi del nos recreos. Falabamos moito do meu amor. A miña amiga Chefi era case a única amiga que tiña. A única que me aceptaba e entendía. Unha vez fun á súa casa e impresionoume. Todo tan limpiño e luxoso. Ela tiña na súa habitación un gran aparato de música e discos. Eu nunca vira un disco. Tamén me fixei en que tiña un sofá na habitación, e todo moi ben decorado, e un edredón. Eu non sabía aínda o que era un edredón. Quedei apampada. Chefi era especial.

Pero eu ao resto da xente tíñalle medo. Eu vivía cunha viúva dun tío meu. Unha señora maior, que viñera da aldea. Viviamos soas as dúas nun piso que daba ao mar. Chamábase Manuela e era moi boa e sempre estaba triste. Conmigo falaba galego pero co resto do mundo falaba castelán. Eu observaba o mar e parecíame bonito, pero non era como estar na miña casa. Non atopei a aventura que buscaba. Quero decir que o que soñara sentada nunha pena de Fisteus era outra cousa. Non sabía que ía encontrar tanta intolerancia. Non sabía que ía aprender o meu enorme pudor. Non sabía que a cidade ía ser un escenario de medo. Eu soñara con medrar alegre. Soñara con coñecer outras cousas, outras xentes. Non pensei que ía atopar verdadeiros demos.eu “vía o demo” na xente.

Eu polo menos sabía falar o castelán. Moito máis terríbel sería aínda se non soubese. Aprendín naqueles catro anos a esconder. Esconder o meu pasado, a miña aldea, a miña orixe. Eran cousas malas que tiña que tapar. Só coa miña amiga Chefi atopaba a liberdade nos estudios. Gustábame estudiar. Pasaba moitas horas cos libros. Sempre foi así desde que nacín. Pasaba tardes enteiras facendo comentarios de texto, para as clases de Literatura, e era feliz. Feliz no meu mundo pequeno. Ás veces levantábame e miraba o mar e todo me parecía estúpido. Estaba lonxe da vida. Cidade significaba amputación do que levaba dentro, de todo o que quero contar neste libro. Quero escribir, cuspir e lembrar. Non quero ser de Curtis nin da Coruña nin de España. Quero ser de Fisteus.

Quero devolver a dignidade perdida á xente coma min. Quero que os rapaces da aldea sexan máis felices do que eu o fun. E sobre todo, que se sintan orgullosos e que sexan altivos e que non sintan ese medo no corazón que eu sentín.

Eu agora falo galego sempre. Pero ás veces vou ao Corte Inglés coas miñas irmás e elas cambian o idioma para someterse ás presuntas leis dos coruñeses. E paréceme tan, tan, tan triste... e dígolles “falade galego”, pero non é nada. Elas insisten en “castellanear” como se o castelán fose o idioma oficial de Galicia. Como se o galego fose algo soterrado nos nosos corazóns de marcianos no mundo. As dependentas do Corte Inglés, todas preparadas e pintadas, si que son marcianas e xenófobas. Non todas, pero si a maioría. Fan que non che entenden o galego, non che falan en galego. É como se che pegasen na cara. E a min doime polas miñas irmás, porque sei que se senten mal.

Ser da aldea non é mellor nin peor que ser doutro sitio. Cada un é dos seus pais e de onde nace. Cada un leva o peso da vida como pode. E xa bastante pesa a vida como para que aínda nos compliquen máis. Aínda agora hai quen vai ás vilas de Galicia e chámalles paletos aos que nunca saíron da vida do campo, que son diferentes a nós, que son como indios nunha reserva. E rinse deles. Eles teñen dereito a que ninguén se mofe deles, dos seus coloretes na cara, das súas expresións brutas, da súa roupa, do seu xeito de andar, comportarse e falar. Esa xente, que non viu moito mundo, está cargada de beleza. Eu quero defender esa xente, porque forman parte de min e eu formo parte deles. Non quero que a aldea morra. Quero levala sempre dentro de min como un tesouro. Un tesouro agochado que quero abrir.

             A aldea é a miña infancia, o meu espertar. Nacín alí, non fun a ningún hospital a nacer. Fun unha nena moi querida e mimada, a máis pequena de cinco irmáns. Nacín nunha familia pobre e digna. Eramos pobres pero non nos preocupaba demasiado. Quero decir que viviamos ben sen consumismo. En vez de ter mil xoguetes tiñamos dous ou tres e dabámoslles unha importancia enorme a eses poucos xogos. Unha vez, de pequecha, leváronme meus padriños á tenda El Pote na Coruña e vin un departamento cheo de bonecas. Nunca vira tantas xuntas. Non as desexei, non as pedín. Maravilláronme. Impresionáronme. Quedei como parva mirándoas. Tan limpiñas e con vestidos tan bonitos. Era como ver moitas princesas de súpeto, porque aquelas bonecas parecían todas unhas princesiñas. Foi como unha visión dun conto. Unha visión feliz. Meus padriños eran e son emigrantes en Alemania. Tiñan a familia en Fisteus e un piso na Coruña. Ás veces levábanme á Coruña e eu ía feliz, era como coñecer un mundo novo. O piso era grande, tan grande que ás veces eu sentíame pequena e soa, botaba de menos a miña casa de nove persoas. Botaba de menos o meu hábitat natural, Fisteus. Meus padriños eran e son moi bons conmigo. Leváronme por primeira vez ao cine a ver unha película dunha bruxa e agradeceréillelo sempre porque amo o cine. En Fisteus non hai cine. Unha irmá miña, de trinta e nove anos, nunca foi ao cine. A cidade ten cousas boas para a xente do campo. Pero o que ignoramos enormemente é que a aldea ten cousas maravillosas para a cidade. E por iso agora vedes que está tanto de moda o turismo rural. Descubriuse que eses paletos que vivimos no campo, tan denostados historicamente, temos cousas boas para ofrecer. Descubriuse que a vida nas cidades cada vez é máis insufríbel. Demostrouse a beleza do campo. Ser da aldea é maravilloso. Ser da aldea é levar a forza e a paz nos ollos.

"Fisteus era un mundo"
Edicións  A Nosa Terra
Xaneiro 2001

 

 

ATRÁS