Alberte Momán Noval, xove promesa das letras galegas naceu en Ferrol, en 1976, formouse como gaiteiro en Narón, e rematou os seus estudios de Enxenería Técnica Agrícola en Lugo. Como escritor, é autor de diversas obras premiadas, como "O Lobo da Xente" (Edicións Positivas, Prémio Narrativas Quentes 2003, "Erótica" (Prémio Francisco Añón de Poesia 2004) ou "O Pasado nas Horas" (Prémio Rosalía de Castro – Cornellá, 2004).
Ten colaboracións dispersas por diversos volumes colectivos, como a primeira edición de Relatos de Verán do diário La Voz de Galicia, ou o poemário Xuro que nunca volverei pasar fame – Poesia Escarlata .
Colaborou, tamén, no volume de poesia Sempre mar – Cultura contra a burla negra, promovido e editado pola associación Burla Negra com motivo do afundimento do 'Prestige'.
Neste ano 2005 consegue un 3º accesit no II Certame de Narracións Curtas do Concello de Curtis, pola súa obra, "Benvidos á noite Americana", que publicará o Concello no seu día.
Podedes consultar a ficha de Alberte Momán na Biblioteca Virtual Galega, onde atoparedes unha relación das súas obra publicadas, e unha autobiografía deste autor.
Tamén podedes consultar o "blog de Alberte Momán", onde atoparedes máis cousas da súa vida e obra.
Hoxe presentámosvos a súa obra "crazy", obra inédita, que cumplindo a petición que lle fixemos, tivo a xentileza de enviarnos como colaboración para a nosa páxina, cousa que non podemos deixar de agradecerlle.
crazy
Nos tempos X da terceira era, cando a Antártida foi invadida polas Ordas Anglocorsarias, Os Suplicantes vivían en continua persecución, xa que como nativos debían servir ás tropas coloniais, fabricando as materias de subsistencia destas últimas. Os Suplicantes, planexando unha futura ofensiva revolucionaria, agacharon á súa propia descendencia nos sumidoiros coloniais, de moita máis capacidade que os endémicos, para crear unha futura forza de combate revolucionaria. O único alimento dentro das fosas, destes infantes guerreiros, que servía tamén de medio de aprendizaxe debido á doada asimilación por vía cutánea dos coñecementos do defecante, era o cheiro das defecacións coloniais, ricas en proteínas e vitaminas termolábiles, que á temperatura sempre crecente dos sumidoiros, consecuencia dos procesos anaerobios de fermentación dos detritos, fluidizábanse converténdose en asimilables ao traveso do propio intercambio gasoso da pel co medio e a respiración da infecta e condenada prole.
Non tardou moito en destacar entre os seus compañeiros o fillo espurio do capataz de obras cívicas e ong’s, que concibira, sen aceptalo nunca como seu, cunha das mortas de fame dos arrabaldes da capital antártica, Antártida a Grande. Dentro dos sumidoiros a este intelixente e intrépido rapaz coñecíaselle co nome de ‘Crazy-chorvo’ bastardo, fillo dunha puta eventual e a tempo parcial.
Crazy, fervente católico, contrariamente ás súas crenzas, era un profundo coñecedor dos praceres carnais, practicados sen dúbida pola nula vixilancia moral exercida polos proxenitores. Oraba todas as noites á virxe para que algún día axudase a el e aos seus compañeiros e compañeiras a saír daquel humillante encerro; porque pese a que ningún dos encerrados vira nunca o exterior dos sumidoiros, eran os efluvios emanados das augas fecais os que lles falaban do fermoso e xeado mundo exterior, cheo de aire limpo e luz brillante.
Sen sabelo, os invasores anglocorsarios alimentaban coa súa inmundicia o desexo de liberación dos seus sometidos, que á súa vez gardaban en grandes sarcófagos mortuorios, situados nos sotos das fábricas (lugar privilexiado que un anglocorsario nunca ousaría pisar), os segredos que cada un escribía por non falar máis da conta.
Era así que despois de horas cos poros abertos, absorbendo os fétidos fluídos, Crazy caía tendido no chan húmido do sumidoiro soñando esperto co mundo exterior, coa súa futura vida fóra e como non podía ser doutro xeito coa propia Virxe, que cría semellante á súa nai. Eran soños silenciosos, mesturados co ruído e o bulir dos mozos e mozas que habitaban o interior das covas, pero tan marabillosos e reais como a vida mesma.
Así foi que un día, sometido polo éxtase de sentirse cheo de sabedoría, a Virxe, desmarcándose de entre o xeo deslumbrante, dirixiuse a el repetindo o seu nome con obstinada e case obsesiva insistencia, ao que el, espertando, replicou con palabras de Hugo Ball:
-‘Ti María, louvada sexas entre as mulleres, pero os meus ardores esváranme voluptuosamente entre as pernas’.
Ao mesmo tempo, un mozo que permanecía sentado ao seu carón sentenciaba:
-Como humanos superamos xa a todos os deuses.
Sen pensalo Crazy golpeou co puño pechado a cabeza disidente, deixándoa confusa, en corpo deitado, examinando as súas palabras e termando coas mans abertas o sangue que pingaba profusamente do seu queixo, fin do regueiro que circulaba polo rostro dende a parte superior do cranio.
Outro, así mesmo, sentenciaba antes de fuxir despavorido tras o mínimo aceno violento de Crazy:
-A revolución está dominada por seres ortodoxos en exceso, cabezas cadradas de represión social.
-Estamos condenados polo método antirrevolucionario expresado por esta tradición anal na que estamos imbuídos. - Profería un terceiro dende a seguridade da distancia, antes de perderse na escuridade da cova, buscando o amparo dese efecto avestruz de non ver para non ser visto.
Mentres tanto, na superficie, o conflicto social iniciado coa chegada dos colonizadores ía remitindo, para dar paso a unha nova situación de equilibrio, onde o suplicante comezaba a admitir a nova estructuración clasista, onde os anglocorsarios formaban unha clase dominante, ocupándose exclusivamente do seu ocio, e contrapoñéndose a clase operaria que exercía as funcións de mantemento da infraestructura productiva.
Co paso do tempo, entre os suplicantes foi perdendo forza a idea dunha revolución, dado que pouco influía nas súas vidas a existencia dun estamento novo. Deste xeito, eran cada vez menos os que lembraban a existencia dos sumidoiros, e do que eles gardaban. Foron esquecendo encher os sarcófagos cos segredos innomeables, porque decididamente non existían eses segredos.
E en tanto, nos sumidoiros, unha forza de ataque facíase forte a cada intre, sentindo moi dentro das súas conciencias a estreiteza dos muros que os cercaban e sufrindo como unha infinda opresión comezaba a inquedalos, protagonizándose cada vez máis a miúdo actos violentos entre membros das forzas revolucionarias.
-Non poderemos abandonar os sumidoiros ate escoitar o sinal – repetíase Crazy case nun murmurio imperceptible, consciente do perigo que se corría, debido aos altercados que se multiplicaban a cada instante, de continuares por moito tempo baixo terra.
-E cal é o sinal, Crazy? – Comentaba a súa compañeira que abrazada a el con forza, tendidos ambos nun curruncho escuro, tentaba chamar a súa atención levándolle unha man cara un dos seus peitos descubertos, e repetía – Cal é o sinal?, como saberemos cando chegou o momento?.
-Saberémolo! – Sentenciaba Crazy sen inmutarse apenas.
Berros. Crazy, sen saber o que de certo acontecía, precipitouse no interior da cova, ate ver como miles de individuos se agolpaban fronte unha das escotillas de saída, observando polo cristal de xeo que os separaba do exterior. Milleiros de peixes de cores que ían e viñan sen rumbo fixo, tropezando os uns cos outros e inmediatamente sacando o ombreiro e desculpándose cortesmente pola torpeza.
Realmente o que estaban a ver eran os corsarios que camiñaban polas improvisadas rúas da xeada urbe, relacionándose entre eles, cumprindo así unha das máximas do ocio burgués:
-Se procede, podería acompañala ate o próximo cambio de sentido?.-Comentaba un galán de traxe azul, garabata e chapeo de copa.
-Certo! Por ser vostede, incluso pode ofrecerme o seu brazo ate o final da rúa- respondía a mulher com toda elegância.
O xeo comezou a ceder pola enorme forza de innumerables mans golpeando a un tempo a superficie conxelada; e despois dunha pequena ablación produciuse un buraco polo que podían penetrar varias persoas de cada vez, deixando unha saída aberta para as masas descontroladas. Segundo ían saíndo caían por terra baixo unha forte agonía, morrendo case ao instante cos rostros desfigurados pola dor.
Os que ainda non accederan ao exterior, dominados pola histeria, berraban compulsivamente: -Le monde est mort, vive le monde.
-Toda a vida baixo a anoxia e a escuridade foi moito peor que a reclusión nesta miseria. O aire e a luz dese mundo corrupto son bastante para acabar con todos nós.- Sentenciaba Crazy, mentres empurraba á súa compañeira cara a improvisada saída, mentres el recuaba horrorizado polo espectáculo.
Nos ecos da profundidade da cova aínda corrían os berros dos moribundos horas despois de que tivesen acontecido, como ondas perdidas no espacio exterior. Crazy corría sen rumbo, só escapando da derrota, da crueldade de sentirse inmerso na traizón do pasado, sen que o pasado mesmo fose consciente das consecuencias do cativerio. E foi esa a súa perdición, abandonándose sen destino ao castigo dun equilibrio aparente, enmascarado polo movemento constante, polo crecemento en parámetros dificilmente xustificables perante unha humanidade sensible e xusta.
Breviario escatolóxico: é breviario polo breve, polo fatuo do meu existir nesta nova situación de prófugo non asediado dentro do meu propio fogar, aquel que só coñezo e do que son víctima.
As comportas péchanse e o alimento escasea, non cabe dúbida de que os de fóra coñecen a miña existencia, da fonte da miña alimentación física e mental. A miña morte é cuestión de horas, pois fun xa sentenciado.
Aquí deixo o futuro, xa que comigo morre a esperanza do meu pobo, pois carece da capacidade de loita que eu xa tampouco posúo.
Fun partícipe da creación dun mundo paralelo que agora esmorece, baseado na esperanza e na xustiza, que se cadra tampouco soubemos desenrolar de xeito óptimo, pero si viviamos suxeitos á nosa propia capacidade de traballo, potencialidades que nos facían cambiar segundo avaliabamos o mundo ao redor. Ese foi sen dúbida o noso pecado, castigado coa desesperación pola propia natura dos colonizadores.
Sen lamentarme abrevio e disípome co aire que me arrebata.
Alberte Momán