Inma García naceu no ano 1985 en Curtis, onde cursa os seus estudos de bacharelato ata que comeza estudos superiores en Santiago.
A pesar da súa xuventude conta xa cunha importante producción de historias e relatos, dos que podedes atopar algún deles no xornal escolar "Curco Novas" ou na Revista das Festas de Curtis, en diferentes anos.
Tamén conta no seu curriculum con varios premios e distincións en diferentes certames literarios.
No ano 2003 acadou un accesit no "Certame Literario Minerva" e un segundo premio a nivel provincial da campaña "Entre Nós" co relato "¿Canto?", que presentámosvos hoxe.
No ano 2004 obtivo un segundo premio no Minerva co relato "Benquerida Beatriz" e un segundo premio na campaña Entre Nós con "Soños dun gato", texto que tamén foi galardoado con 3º premio pola Asociación Meigas e Trasgos de Sarria. Nesta mesma convocatoria conseguiu tamén un 2º premio co relato "Tomás...ás sete no parque".
Tamén no ano 2004 é merecedora dunha mención especial polo xurado do I Certame de Narración Curta do Conello de Curtis polo relato "Camposanto de Liberdades".
¿CANTO?
As súas mans tremen a consecuencia do párquinson que produce a idade. Non é iso; tremen polo frío que dá o vivir tanto tempo. E pode ser verdade; agora pasa dos oitenta, chea de enrugas e manchas como lunares. Pero conserva o porte e o estilo que deixa adiviñar o que foi non hai moito: unha bela dama. Os seus ollos, antes grandes e redondos, agora ocúltanse no fondo da súa cara, tras unhas pálpebras cansadas de acariciar as súas pupilas azuis.
Presume sen recato de que foi feliz, de que viviu como ela quixo, de elixir sempre qué ter ó seu carón. Nunca lle poderedes escoitar botarse un reproche. Sempre estivo segura de si mesma. Nunca deu explicacións dos seus actos e odiaba que os demais o fixeran. Odiaba as excusas. Odiaba que lle pedisen perdón. Ela nunca o fixo.
A súa paixón sempre foi sumarse ó ceo de noite e contar estrelas. Bautizalas. Descubrir figuras e poñerlles desexos a aquelas que do ceo caían. Todas as noites facía o mesmo, excepto cando había lúa chea, que pasaba horas intentando ver ós amantes na casa da Lúa. ¡Hai que ter imaxinación para ver algo alí! Sen embargo, ela sabía que existían de verdade.
Encantáballe a orde; seguro que por iso tardou tanto en casar, ¿como soportar, día tras día, a roupa sen dobrar, as revistas tiradas enriba da mesa, as tesoiras cada vez nun caixón e a pasta de dentes viaxando de armario en armario?
Pensaba que non sería capaz de aturar a alguén así, pero, sen saber como, ó final caeu na trampa e casou. Cando a querían facer rabiar, botábanlle en cara o seu cambio de opinión sobre ese aspecto. Pero ela defendíase coa seguridade e o orgullo co que sempre vivira:
- Hai xente que vai de misioneira a África, ou se apunta a Médicos sen fronteiras. Eu casei. É o mesmo – dicía sorrindo para os seus adentros.
Toda a súa vida é coma un libro aberto, que nunca tivo nada que ocultar. Para poder levar a cabeza ben alta, é preciso non ter ningún peso na cabeza que che faga baixar a mirada ante alguén. Os arrepentimentos son mazas que a conciencia se encarga de sacudir. Muller orgullosa que non entende non sabe dicir “non”. Señora dona de si mesma, ten un recordo ben agochado, que garda todos os meses nun sitio oculto coa esperanza de encontralo todos os meses, porque como ela di, “o día que non recorde onde o puxen, serei vella e non servirei para nada”.
E cando pasa o mes, sen máis demora, coma un reloxo, unha punzante angustia atácalle no estómago. Sempre lle sorprende, cómo, a pesar dos anos trascorridos, ese sentimento é sempre o mesmo: sempre na cama. Sempre ás escuras. Sempre cando cae a noite. Sempre cando a lúa é redonda. Esa lúa cos amantes que nunca ve. Esperta pola desazón. A dor de estómago. Con coidado de non espertar o seu marido, ás apalpadas, alcanza o vaso de auga da mesiña, incorporándose na cama. Senta e bebe. Pequenas gotas mollan as sabas a causa do tremor das súas mans e abre os ollos ante a escuridade. Escapa da calor da cama. Busca os pés as zapatillas e con elas sae da habitación, arrastrando os pés.
Sen facer o mínimo ruído, diríxese cara o salón. Dóelle o estómago. A dor faina encorvarse aínda máis. Precisa a súa menciña; o que a pode facerse sentir mellor.
Pecha a porta de salón. Despois de entrar, acende a luz e diríxese ó moble, á parte central, baixo a televisión, no terceiro caixón.
Aínda se lembra. Agochárao como todos os meses; daba gracias a Deus por manter a memoria. Alí, baixo uns manteis e servilletas, á esquerda no fondo, está a cura do seu mal. A súa menciña. Con el na man, senta na cadeira tapizada en verde e, sen miralo, colócao sobre o estómago, onde sente a dor. Así está uns segundos. Despois abre o sobre; o sobre sepia que unha vez debeu ser branco. Extrae del un folio, ó que o tempo lle comeu os bordos. O tempo e os seus dedos.
A angustia do principio tórnase calma. Xa é algo coñecido, familiar. O tremer das súas mans desaparece. Sempre é coma se fose a primeira vez.
“Querida amiga:
Hai anos que non sei nada de ti. A miña vida cambiou moito e preciso contarllo a alguén en quen unha vez...”
Os seus ollos detivéronse e a súa mente recreou de novo a súa cara, os seus ollos, os seus beizos... Vía que lle sorría. Ela tamén o fixo. Baixou a mirada de novo á carta e continuou:
“... en quen unha vez confiei. Din que só se valora a amizade cando quen tiñas ó teu carón e te apoiaba non está. Iso é o que penso que me pasou contigo. Agora sen embargo, volvo a ti a desafogarme como fixen tantas outras veces.
Recoñezo que non te esquecín e recoñezo que che dixen que o intentaría, aquela fermosa tarde, tormentosa pola que estaba caendo e tamén polo que nos aconteceu. Ó igual que a choiva e os tronos, que levaban rondando todo o día, o que pasaba entre nós tamén se presaxiaba; e alí, dentro do meu coche, á porta do teu portal, ¿lembras? As túas palabras aínda retumban nos meus oídos. Pedíchesme que te esquecera, que te deixara, que precisabas liberdade.
Recordo as túas bágoas e recordo as miñas, e aquel bico. O máis longo. O máis amargo. O último.
Anque todo está na miña cabeza como se fose onte, son xa moitos anos dente entón. Agora boto a vista atrás e penso en cada un dos días que pasamos. Coñecinte sen darme conta; eras unha compañeira máis. Unha rapaza moi agradable, educada, bastante guapa e aínda máis distante. Nunca reparei en ti, e a causa diso foi, dalgunha maneira, por ter inconscientemente a sensación de que eras algo inalcanzable para min.
Ignoro por que motivo acertamos a conversar. A permitir abrirnos mutuamente. O caso é que cada vez precisaba máis conversar contigo, fora do que fora. Empezamos falando de cine, do ceo, do mar, de calquera cousa. Non sabía nada de ti persoalmente, pero coñecía os teus gustos.
Sentíame atraído pola túa forma de ser, pola túa naturalidade aquela tarde de agosto, na terraza de aquel bar no medio do parque, e namoreime de ti. Sentinme atraído por como me facías sentir.
Notábame estraño. Nunca precisara a ninguén de ningunha maneira, e a partir dese momento estaba tolo por ir traballar, e dábame voltas a cabeza buscando unha excusa para iniciar unha conversa.
Eu antes escribira cousas. Non o volvera facer, e, dalgunha maneira, gracias a ti, busco o refuxio detrás das palabras para dicir o que sinto.
Aquilo foi medrando e xa non podía coa presión. Non me chegaba con escribirche contos, non me servía escoitar a túa voz, así que, aquel día, puxen a miña mente no meu peito. Deixeime levar e biqueite, un segundo, e sentín os teus beizos. Non me importou cal sería o prezo que tería que pagar por roubarche aquel bico.
Espertei na escaleira só. Souben o que fixera, pero non o entendía. Recei por non perderte. Queríate, xa, pero a túa amizade, as túas conversas, o teu silencio escoitando, era demasiado valioso para min e temín perdelo.
Desde entón, todo foi a máis. Pouco a pouco necesitaba terte comigo máis e máis. Fisicamente tamén. Fixemos o amor; fixéchelo como ninguén o fixera. Sentinme o ser máis grande e feliz de todo o mundo. ¡Como boto en falta a túa risa cando tocas o ceo! Os teus beizos, a túa mirada; esa mirada do color do ceo cheo de nubes, que me enche de felicidade.
E estarás lendo isto e preguntaraste por que cho escribo, se cho contei milleiros de veces; abrazados, espidos, sobre esas preciosas sabas brancas. E preguntaraste que ten que ver todo isto co comezo da carta. Qué me pasou para dicir que cambiou moito a miña vida. Pois que non son o mesmo, o que era. Xa non estou contigo, pero non volvín a ser o de antes. Deime conta de que non fuches só un amor. Ti es... o que me pasou. Fuches o meu catalizador. Non sei se o notas, pero eu lévote sempre comigo. Non conseguín esquecerme de ti, e tampouco o quixen facer.
Só era iso. Agora cada vez que hai unha tormenta, como a de aquela tarde no teu portal, teño que pechar os ollos para que non escape esa bágoa que é túa. Pero aínda que chore, sempre acabo sorrindo, porque só teño bos recordos. Es un encanto. Sempre te quererei.
Por favor, non esquezas nunca isto que unha vez che escribín. Sinto vértigo cando noto o que o meu corazón te quere. Sinto pánico cando penso que a miña mente te precisa. Sinto frío cando noto que os meus brazos non te alcanzan. Sinto dor cando creo que estás triste. Sinto alegría cando sei que es miña”.
Rematou de ler. Unha paz encheu todo o seu ser. Non quedaba nin rastro da súa dor. Dobrou a carta e introduciuna no sobre e gardouno no fondo do terceiro caixón coa esperanza de non esquecerse dela ó mes seguinte.
Daba gracias por ter aquela dor no estómago, por esa excusa para encontrarse cos seus recordos, con ese terceiro caixón, coa pulseira, o moedeiro e a música; o libro, o chisqueiro; os contos, os bicos. Pero debía deixar de pensar nesas cousas. Debía vivir a súa vida. Esquecerse de cousas pasadas. Tiña moita vida por diante. Iso era o que sempre dicía, desde o mesmo día que recibiu a carta.
Púxose en pé de novo, arrastrando os pés, dirixiuse ó seu dormitorio. Deitouse de novo, ollando cara ó teito. Na escuridade, sen velo, escoitando en silencio. “Que facía”, preguntoulle o seu marido coa voz adormecida.
- Non podía durmir. Doíame o estómago – contestou sen inmutarse.
- Non che preguntei por iso. ¿Que facías?
- Nada. Lía a túa carta. – E dándose a volta cara el abrazouno polas costas, bicoulle o colo e preguntoulle - ¿Quéresme?
- Moito.
- ¿Canto?
Sen abrir os ollos, coma se de unha lección aprendida se tratase, o seu home recitoulle unha vez máis, con voz que saía do corazón.
¿Viches como acariña o mar á area?
¿Ou con que furia se lanza sobre as rochas?
¿Escoitaches o murmurio na praia?
¿E o son enxordecedor no acantilado?
Así te quero eu;
coma o mar á terra.
Con cariño e paixón.
Con amor e desexo.
Sen dicir unha palabra
e ós catro ventos.
Inma García Fernández