|
Caixa Galicia e o
Concello de Curtis presentaron en Santiago o pasado día 13 de
febreiro o libro "OBRA ESCOLLIDA". Unha escolma inédita do
escritor curtiense, Como relata na presentación da obra, o seu neto Aurelio Villa Sánchez, presidente da Fundación Horreum e Vicerrector de Innovación Pedagóxica da Universidade de Deusto, o libro recolle diferentes manuscritos inéditos atopados dentro dun baúl na vivenda na que finou este recoñecido escritor, nomeado académico da Real Academia Galega da Lingua no ano 1905 polo primeiro presidente da institución, Manuel Murguía. Francisco Sánchez García, segundo explica o prólogo da presente edición, naceu na localidade coruñesa de Os Modillós o día 18 de xaneiro de 1874, no seo dunha familia sinxela. O ambiente político, social e económico do momento, fixo que este home emigrase a Arxentina moi novo. Na cidade bonaerense relacionouse intensamente coa intelectualidade exiliada, colaborando en revistas e xornais con artigos en prosa e poesías en galego e castelán. Uns anos máis tarde regresa a Galicia, e o 24 de novembro de 1910 casa con dona Enriqueta García Rego, veciña de San Lourenzo de Carelle, e fixa a súa residencia en Teixeiro. En Teixeiro seguiu escribindo poemas, contos e artigos, traballo que continuaría en Santiago, publicando no "Compostelán" e en "La Noche". En 1925 é elixido director do Diario de Galicia, cargo que desenvolverá ata o seu pasamento en 1939. Moitos dos seus traballos son asinados co seu pseudónimo de "Antón de Pepiño". "Antón" por ser o seu segundo nome, e "de Pepiño" porque ese era o alcume da casa dos seus pais. En Santiago, entra en relación con figuras importantes do panorama cultural galego, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Filgueira Valverde ou Álvaro Cunqueiro entre outros. A súa obra catalógase en dous períodos: O período Arxentino, con poesía e contos (1905-1910) e o período de Teixeiro, só con poesía (1914), e segundo opinión da Catedrática do Instituto de Betanzos Concepción Delgado Corral, Francisco Antonio Sánchez García forma parte dun grupo de escritores que continúan a obra dos mestres do século XIX, aos que Carballo Calero denomina "Postrenacentistas" por nacer na década dos 70. A obra do autor ten as características dos escritores seguidores dunha liña tradicional e non renovadora, aínda que coincide con autores da Xeración Nós, asistindo ás innovacións que achegan á literatura galega. Os seus relatos, contos e mesmo poesía oscilan entre o literario, a información e a crítica político-social. As influenzas son de Rosalía e Curros, e coma este último, ama profundamente o progreso. O 11 de novembro de 2005 foi nomeado fillo predilecto do Concello de Curtis. |
¡LONXE!
Alongado por mares inxentes
da terra que adoro, da patria que quero,
xa n´alcontro quen cure as feridas
punzantes e fondas que na alma levo.
Xa n´escoito da nai, doce e tenra,
os nobres consellos
que me daba cando, tan ditosos,
os dous vivíamos debaixo dun teito.
Xa non sinto, coma noutros días,
o burar do vento,
que zumbando chegaba ós pinares,
carballos, nogales, castaños, salgueiros.
E na ausencia sombría paréceme
que todo me di hoxe “cambiaron os tempos”.
Infeliz polo mundo, rodando
sen rumbo, nin guía, nin paz, nin sosego,
¡tan lonxe da patria!
¡fóra dos meus eidos!
coma barco sen brúxula marcho,
perdido o goberno,
e xoguete das olas da vida
serei, se é que á praia non retorno presto.
Ó señor os meus rogos dirixo
pedíndolle a eito
que pró lado da nai adourada
me volva, pois nela soamente penso;
que me deixe tornar ós meus lares,
alí onde foron meus soños de neno;
que me deixe goza-las caricias
eternas e fondas que con ansia espero,
e en morrendo que enterren meu corpo
en donde descansa meu pai, “en Teixeiro”.
Francisco Sánchez García
Buenos Aires, outono de 1903
El Eco de Galicia, 20 de outubro de 1903