O Concello de Curtis prepara unha homenaxe a "Antón de Pepiño" no centenario do seu nomeamento como membro da Real Academia Galega

 

Francisco Antonio Sánchez García

"ANTÓN DE PEPIÑO"

 

 

  "Antón de Pepiño", chamábase na realidade Francisco Antonio Sánchez García, un intelectual autodidacta nado nos Modillós, unha aldea próxima a Teixeiro, en 1874.

  As dificultades económicas da súa familia obrigárono a emigrar a Bos Aires, onde, ademais de enriquecerse, tamén se formou culturalmente, colaborando en xornais e revistas con artigos, poesías e comentarios.

  Todo este labor literario, valorado moi positivamente, fixo que Antón de Pepiño fose nomeado membro da Real Academia Galega o 11 de novembro de 1905, sendo presidente da institución Manuel Murguía.

  Tras uns anos regresa para residir novamente en Teixeiro e casar, ó tempo que se fai con moitas propiedades e solares na súa vila natal.

  Por volta de 1914 instálase en Santiago de Compostela, á procura de maiores facilidades para o estudio das súas cinco fillas. Alí relaciónase e contacta con Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Álvaro Cunqueiro, Risco, Cabanillas, etc. Este ambiente propicia as colaboracións nos xornais El Compostelano e La Noche con artigos e poesías. No ano 1925 sería nomeado director do diario de Galicia, cargo que desempeñou ata o día do seu pasamento, en 1939.

  En canto á súa obra, a meirande parte está inédita, sendo a poesía o xénero no que máis escribe, se ben tamén ten artigos e contos aparecidos en diferetes xornais, tanto na emigración, como xa na súa estadía en Teixeiro. Do periodo de Compostela fican tamén artigos e poesías. Algúns títulos: "Da Fonte Poéteca" e "Da Fonte Hestóreca", poesías de 1914, ou o diálogo dun paisano de Teixeiro co río carregal, "Canzón Triste".

 

¡LONXE!

 

Alongado por mares inxentes

da terra que adoro, da patria que quero,

xa n´alcontro quen cure as feridas

punzantes e fondas que na alma levo.

Xa n´escoito da nai, doce e tenra,

os nobres consellos

que me daba cando, tan ditosos,

os dous vivíamos debaixo dun teito.

Xa non sinto, coma noutros días,

o burar do vento,

que zumbando chegaba ós pinares,

carballos, nogales, castaños, salgueiros.

E na ausencia sombría paréceme

que todo me di hoxe “cambiaron os tempos”.

Infeliz polo mundo, rodando

sen rumbo, nin guía, nin paz, nin sosego,

¡tan lonxe da patria!

¡fóra dos meus eidos!

coma barco sen brúxula marcho,

perdido o goberno,

e xoguete das olas da vida

serei, se é que á praia non retorno presto.

Ó señor os meus rogos dirixo

pedíndolle a eito

que pró lado da nai adourada

me volva, pois nela soamente penso;

que me deixe tornar ós meus lares,

alí onde foron meus soños de neno;

que me deixe goza-las caricias

eternas e fondas que con ansia espero,

e en morrendo que enterren meu corpo

en donde descansa meu pai, “en Teixeiro”.

 

                        Francisco Sánchez García

 

Buenos Aires, outono de 1903

 El Eco de Galicia, 20 de outubro de 1903

    O aspecto máis importante dun autor literario non é a súa biografía se non a súa obra. O poema LONXE, foinos facilitado en marzo de 2004 por Carlos Vázquez Ares, estudioso da historia de Curtis, e autor dun extenso artículo que sobre a figura de "Antón de Pepiño", publicouse na Revista das Festas de Curtis no ano 2002. Hoxe, dámoslle de novo as grazas por compartir con nós este pequeno trozo da nosa historia.