Xuvecurtis únese á campaña na rede contra a violencia de xénero.
 

A vicepresidencia da Xunta desenvolverá este mes na rede unha campaña contra a violencia de xénero

A Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia levará a cabo ao longo deste mes na rede unha campaña contra a violencia de xénero. A través dun banner nas páxinas webs dos principais medios de comunicación galegos, o departamento de Carme Adán informará aos internautas dos últimos datos sobre esta problemática, tentando concienciar á cidadanía da magnitude deste problema e a necesidade de atallalo.

A campaña posta en marcha pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia recorda que a violencia de xénero provocou no ano 2004 un total de 72 mortes, e que no que vai de 2005 esta cifra se eleva xa a 50 persoas. A inserción publicitaria remata coa mensaxe “¿E ti que pensas facer para parar esto? E inclúe o número do Teléfono da Muller, o 900 400 273, no que se atenden este tipo de casos para dar asesoramento ás víctimas.

Esta campaña pretende durante todo o mes de novembro concienciar aos internautas da magnitude do problema da violencia de xénero, de cara á celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Os medios de comunicación, e concretamente os seus servizos en Internet, serán unha das vías de publicidade de concienciación contra o terrorismo de xénero que levará a cabo a Secretaría Xeral de Igualdade.

Ademais os banners inseridos pola Secretaría Xeral de Igualdade teñen un enlace directo á páxina web do Servizo Galego de Igualdade (SGI), onde aparecen detallados os programas actualmente disponibles para a atención e asistencia psicolóxica e xurídica para as mulleres víctimas da violencia de xénero, outro programa de atención psicolóxica para homes con problemas de control e violencia no ámbito familiar e unha guía contra os malos tratos á muller.

A web institucional do SGI contempla ademais enlaces cos distintos servizos que a Xunta de Galicia ten actualmente en marcha para loitar contra esta problemática, coma o centro de atención 24 horas ás mulleres víctimas de violencia de xénero.

FONTE: Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia